Pontevedra

O PSOE, disposto a entrar no Goberno de Lores após a 'pinza' co PP na polémica de Raíña Vitoria

O portavoz socialista, Iván Puentes, fai un chamamento "á cordura, a calma e a tranquilidade" e tende a man ao alcalde para "seguir negociando" un posíbel pacto de goberno que reedite a coalición BNG-PSOE no Concello de Pontevedra.
O edil socialista Iván Puentes, nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O edil socialista Iván Puentes, nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

Os concelleiros do grupo municipal do Partido Socialista de Pontevedra compareceron esta quinta feira en rolda de prensa para facer público o seu "ofrecemento" ao BNG de retomar as negociacións para alcanzar un novo pacto de goberno no Concello e reeditar, así, a coalición que xa rexeu a cidade no anterior mandato. O portavoz socialista, Iván Puentes, fixo un chamamento "á cordura, a calma e a tranquilidade" logo de que, a raíz da polémica xerada pola 'pinza' de PSOE e PP para reabrir ao tráfico a avenida Raíña Vitoria, unha decisión que derivou nun importante conflito no plano municipal, desde o Bloque desen por feito que o seu ex socio non quería entrar no Executivo. Se finalmente se dá o paso, prometeu Puentes, "farémolo público con total transparencia".

O PSdeG-PSOE de Pontevedra trasladou así a súa intención de "tender a man para seguir falando, para seguir negociando", e, engadiu o edil, para cumprir "con aquilo que os cidadáns nos pediron nas urnas", nas pasadas eleccións municipais, que foi "o entendemento para conformar maiorías que dean estabilidade e que permitan facer esta cidade gobernábel", dixo.

"Non tiramos a toalla nin abandonamos en ningún momento a negociación", reiterou o portavoz socialista. Puentes, deste modo, afirmou que están "abocadas a entenderse" as dúas formacións políticas que constitúen "unha maioría progresista en Pontevedra", e criticou o "ton incendiario" das declaracións "profundamente desafortunadas" que, ao seu xuízo, manifestou o BNG durante os últimos días.

Por este motivo, o socialista apelou directamente ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "que sabe perfectamente que hai capacidade de entendemento entre el e o Partido Socialista", para que "poña cordura, aplique sentido común e busque os puntos de entendemento e as pontes de conexión entre os dous partidos". Como "mostra" desa vontade, o grupo municipal do PSOE enviou ao BNG esta cuarta feira o documento que tiña pendente de entregar desde o pasado mes de xuño para desatascar as negociacións dun posíbel Goberno de coalición para os próximos catro anos.

Con vistas a esta negociación o PSOE reiterou que cada unha das formacións ten que ser consciente do "peso numérico e cualitativo" que ten no pleno do Concello para "poder chegar a un programa de goberno compartido que non sexa a imposición dun programa sobre outro", senón "unha síntese" das propostas de cada partido para que conformen un "programa de coalición" que sexa "absolutamente equilibrado e baseado na lealdade e na colaboración".

A negociación entre o BNG e o PSOE aínda non abordou "programas concretos" nin proxectos ou ideas a desenvolver durante o mandato, un paso previo antes de falar da repartición de áreas de xestión entre os dous partidos e que persoas asumen cada concellaría.

Comentarios