18-F

Sánchez enxalza Besteiro e avisa: "Papeletas para o cambio hai moitas, pero só o PSOE para gobernalo"

O mandatario español referiuse á ausencia de Rueda no primeiro debate da campaña e dixo que para ser presidente da Xunta "hai que dar a cara" e "explicar" o proxecto.
Pedro Sánchez, hoxe, no acto do PSdeG para apoiar José Ramón Gómez Besteiro.
photo_camera Pedro Sánchez, hoxe, no acto do PSdeG para apoiar José Ramón Gómez Besteiro.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, pediu este sábado o apoio para a candidatura que lidera José Ramón Gómez Besteiro á Presidencia da Xunta da Galiza e avisou aos galegos e galegas, especialmente ás mulleres, de que "papeletas para o cambio hai moitas, pero só hai unha para gobernar ese cambio". E esa é a do PSOE con Besteiro, dixo.

O tamén líder do PSOE lanzou esta mensaxe durante a súa intervención nun mitin en Expourense, na cidade de Ourense, onde se reuniron unhas 1.200 persoas, segundo os datos da organización, para arroupar a candidatura de Besteiro á Presidencia da Xunta.

Na súa intervención, e despois de referirse á ausencia do candidato do PP, Alfonso Rueda, nun recente debate electoral, Sánchez sostivo que para ser presidente da Xunta "hai que dar a cara" e "explicar" o proxecto da Xunta. "Hai render contas. E iso é o que necesita esta terra. Esta terra necesita líderes que dean a cara", afirmou."Por iso pídovos o voto para José Ramón Gómez Besteiro, para que sexa o próximo presidente da Xunta e que traia o cambio a esta terra", dixo.

Pola súa parte, Besteiro pediu tamén o apoio das galegas e galegos para "enchufar Galiza" ao resto do Estado e avisou o Partido Popular: "Despois do 18-F van ver os touros desde a barreira". O aspirante a liderar San Caetano cargou contra a actitude de confrontación do PP na Xunta, que na súa opinión, impide que Galiza avance, e defendeu que, para as próximas eleccións, é necesario "ter ambición de país" e "pór fin á política de pór paus nas rodas".

Besteiro, ademais, aproveitou a súa intervención para avogar por "enchufar Galiza a España e a Europa". "E se me apuran a América; Galiza non necesita ser unha illa, necesita estar enchufada", esgrimiu, en referencia ao lema do PP que defende o país como unha "illa de estabilidade". Tras iso, pediu o apoio dos presentes e chamounos á mobilización. "Imos mobilizarnos a lume de biqueira desde a mañá até a noite, imos pedir o voto as 24 horas do día, porque o cambio é posíbel".

Comentarios