O PSdeG reivindica "un gran pacto galego" polos coidados corresponsábeis

O PSdeG iniciará unha campaña en redes sociais co lema 'M8M, Moito Máis, Moito por Facer'.
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, anunciou esta quinta feira unha acción coordinada da forza política en todas as institucións para reivindicar un gran pacto galego polos coidados corresponsábeis. Fraga presentou na sede da formación en Compostela a campaña do PSdeG con motivo da celebración do 8M e anunciou a presenza do candidato socialista á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, e do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na manifestación convocada esta sexta feira en Vigo.

Na súa intervención, explicou que presentarán unha campaña en redes sociais e levarán ás institucións, empezando polos concellos, unha serie de mocións para reivindicar un grande acordo político e social para a repartición equitativa do peso dos coidados. A socialista advertiu de que a "igualdade non é posíbel e se non hai corresponsabilidade" e chamou á colaboración da Xunta, os concellos, os sindicatos, a patronal e as entidades sociais e políticas.

"Non se pode consentir que sigamos soportando case en exclusiva o peso dos coidados, esixíndonos ás mulleres que sexamos ‘superwomans’", afirmou Fraga para soster que o nivel de exixencia provoca que as mulleres soporten unha maior deterioración física e psíquica pola elevada carga que asumen, chegando á xubilación con "mala saúde e máis pobres".

Ademais, puxo o acento na situación desigual neste ámbito, que fai que 90,7% das excedencias polo coidado de crianzas e maiores sexan asumidas por mulleres, segundo un informe presentado por UXT. Estas mesmas mulleres teñen, ademais, 18,69% menos de salario, asumen maior precariedade e, como consecuencia, reciben unhas pensións "moito máis baixas", con 469,41 euros menos de media.

Nunha intervención na que lamentou que o 8M se convertese no "día da marmota" con reivindicacións e demandas que "non son idénticas ás de hai 10 anos, mais si moi parecidas" a pesar dos "avances pequenos", tamén alertou da falta dunha presenza equilibrada das mulleres en diferentes ámbitos, excepto nos que se regulan por lei. Así, explicou que, a pesar de que na maxistratura hai 60,88% son xuízas e de que na Fiscalía hai 63,88% de fiscais mulleres, as Audiencias ou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) seguen estando ocupados maioritariamente por homes.

Fraga criticou ás esferas conservadoras que "ou negan esta realidade ou, como mínimo, están cómodas con ela", coas mulleres "recluídas no ámbito privado e os homes marcando o compás ao que deben bailar”. Como solución receitou "levar á práctica máis feminismo", tamén da man dos homes "que cren que unha sociedade digna non pode avanzar á costa da metade da poboación e do talento que representan as mulleres".

Iniciativas

Estas demandas serán presentadas a través de mocións nos concellos e tamén no Parlamento da Galiza no momento en que sexa constituído o comezo da nova lexislatura. A proposta incluirá o pacto polos coidados corresponsábeis, ademais de garantir a presenza equilibrada das mulleres nos organismos públicos e tribunais de selección de persoal e de valoración de méritos para a provisión de postos de traballo. Ademais, tamén proporá a posta en marcha dun plan de acción para terminar coa fenda salarial e de xénero no mercado laboral.

As e os socialistas da Galiza queren "pór deberes" á Xunta despois de 15 anos de Gobernos do PP caracterizados "pola súa inacción ou polo malgasto de diñeiro que chega desde o Estado" para política de igualdade. Uns orzamentos, din, cos que "ou non fan nada, ou directamente erran o tiro con campañas machistas e ofensivas".

Neste sentido, o PSdeG iniciará unha campaña en redes sociais co lema 'M8M, Moito Máis, Moito por Facer', participarán nas manifestacións desta sexta feira, e repetirán a entrega dos premios de Igualdade do PSdeG Maruja Vázquez Suárez. Con este galardón destacan a personalidades ou entidades e reivindican a figura de Vázquez Suárez, fundadora da Agrupación Socialista de Miño (comarca das Mariñas) en 1933, que foi violada e asasinada polos falanxistas o 19 de agosto de 1936.

Comentarios