18-F

O PSdeG propón debater sobre a crise dos pellets

Acusan a Xunta de "desinformar".
José Manuel Laxe Tuñas, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Laxe Tuñas, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, pediu esta cuarta feira a configuración dun debate electoral "exclusivo" sobre a "crise da marea plástica", co obxectivo de que "non se furte" a galegas e galegos a "información veraz e transparente sobre o que está a suceder", ao tempo que criticou a actuación da Xunta da Galiza e acusou Alfonso Rueda de "fuxida cara adiante" neste tema.

"A Galiza merece un presidente que dea a cara, que non lle falte á verdade á cidadanía", dixo Laxe Tuñas, que acusou o xefe do Executivo galego de "parapetarse en dous conselleiros", a de Medio Ambiente e o do Mar, "para non abordar un asunto que é de preocupación, non polas eleccións, senón porque as costas están recibindo unha marea plástica sobre a que se debe actuar".

O socialista acusou a Xunta de "desinformación" e "ocultación" nesta materia. "Somos coñecedores de que a responsabilidade desta vertedura non é da Administración, pero do que si é responsábel o Goberno galego é de dicir a verdade", dixo. Por este motivo, sinalou, "débese facer un debate exclusivo" dentro dos electorais.

A sanidade, "na UCI"

Tamén esta cuarta feira, os socialistas denunciaron que a sanidade pública de Vigo "está na UCI" debido á "mala xestión" e do "desprezo" de Alfonso Rueda e da Xunta da Galiza, e prometeron que, se chegan ao Goberno galego, o PSdeG implantará un "plan urxente" para a Atención Primaria e porá "freo" ás "privatizacións" do actual Goberno.

Así o trasladou a cabeza de lista do PSdeG pola circunscrición de Pontevedra, Elena Espinosa, que advertiu da "grave situación" que vive a sanidade da cidade olívica.

Comentarios