O PSdeG pide un "pacto de rendas" contra os salarios baixos na Galiza

Caballero alerta da perda de poder adquisitivo.
O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Gonzalo Caballero, esta quinta feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

O grupo parlamentario do Partido Socialista presentou esta quinta feira na comisión de Economía do Parlamento galego unha proposición non de lei instando a Xunta a que "dialogue e acorde cos axentes sociais a liña galega de concreción dun pacto de rendas que defenda o poder adquisitivo das persoas traballadoras".

O deputado socialista Gonzalo Caballero acusou o Goberno galego de "agochar a cabeza como a avestruz e solicitou aprobar un paquete de medidas para apoiar o poder adquisitivo das traballadoras e dos traballadores, cun plan específico para os salarios máis baixos.

Ademais, o PSdeG pide "desenvolver unha política económica activa que aborde a modernización económica cara a un modelo produtivo que favoreza maiores salarios" na Galiza.

Para Daniel Pérez (BNG), as propostas do grupo socialista son "pouco claras" e no caso dun pacto de rendas criticou que en Madrid o PSOE apostara pola contención salarial.

Por parte do grupo parlamentario do Partido Popular, a deputada Noelia Pérez defendeu a traxectoria do seu Goberno sinalando que os salarios na Galiza "levan trece anos subindo".

Comentarios