28-M

O PSdeG presume de ter os "mellores candidatos" fronte a un PP "no epílogo" e "alternativas que aparecen e desaparecen"

José Manuel Laxe: "O presidente Rueda dedícase a agochar sistematicamente os seus candidatos".
José Manuel Lage, Valentín G. Formoso e Xosé S. Bugallo, esta cuarta feira, na manifestación de Queremos Galego en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera José Manuel Laxe, Valentín G. Formoso e Xosé S. Bugallo, esta cuarta feira, na manifestación de Queremos Galego en Santiago. (Foto: Arxina)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, reivindicou esta cuarta feira que os socialistas presentan "os mellores candidatos, equipos e programas de goberno para unha maioría social progresista", fronte a un PP que está "no epílogo" e outras "alternativas que aparecen e desaparecen".

En declaracións aos medios antes de participar na manifestación impulsada pola plataforma Queremos Galego, Laxe dirixiuse tamén aos máis novos para prometer que unha cidade gobernada polos socialistas daralles máis "oportunidades", mentres defendeu tamén que "gobernos socialistas significan coidar das persoas maiores".

Na súa intervención, o tamén candidato na lista da Coruña capitaneada por Inés Rei remarcou que o "modelo de xestión do PSOE está testado, non é ningún invento" e, como aval, puxo os 109 alcaldes e alcaldesas socialistas. "Son a mellor carta de presentación", salientou.

Así, fronte a iso, situou as "alternativas que aparecen e desaparecen e un PP que está no epílogo, cun goberno que está en fin de ciclo, carente de proxecto e solucións e de alternativas e que agocha os seus candidatos", salientou.

Ao seu xuízo, iso obsérvase en que "o presidente se dedica a esconder sistematicamente os seus candidatos". "Nunca falan dos seus candidatos nin dos seus programas nin proxectos", observou Laxe, quen reiterou que "quen mellor dá solución aos problemas" da cidadanía é o PSOE.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou a utilizar as eleccións do 28-M como "plataforma política" para rectificar a "deriva de minguar a cultura e a lingua galegas" iniciada polo PP dende a súa chegada á Xunta.

Os socialistas galegos, dixo, son capaces de "vehicular a forza e ilusión" na "nosa cultura e identidade: na lingua galega", subliñou, con motivo da súa participación nun "día de celebración do orgullo na identidade propia dunha lingua que nos da carácter propio como pobo".

Comentarios