O PSdeG de Lugo afea a Rueda que use a expropiación dos terreos para Altri como unha "ameaza aos veciños"

A portavoz socialista da Deputación lucense, Pilar García, acusa o PP de practicar un “tremendo escurantismo” sobre este proxecto.

EuropaPress_5843771_portavoz_socialista_diputacion_lugo_pilar_garcia_porto_rueda_prensa
photo_camera A portavoz do PSdeG da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García (Foto: Europa Press)

A portavoz do PSdeG da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto, acusou o presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, de "utilizar publicamente" a hipotética expropiación de terreos para a implantación da fábrica de fibras téxtiles e celulosa de Altri en Palas de Rei (comarca da Ulloa) como "unha ameaza nesgada aos veciños" se non están dispostos a vender.

Así o manifestou a portavoz da institución provincial ao termo da reunión ordinaria da Xunta de Goberno e tan só un día despois de que Rueda non desbotase o procedemento da expropiación no caso de que a compañía non alcanzase "acordos voluntarios" cos posíbeis vendedores.

"Hai un tremendo escurantismo por parte do Partido Popular. Habería que preguntarse por que tanto interese cando o presidente da Xunta da Galiza é capaz de saír con ameazas nesgadas coa expropiación dos terreos. A expropiación é unha ferramenta legal, mais non comparto que se utilice publicamente como unha ameaza", declarou respecto diso Pilar García Porto.

As últimas información ao respecto das posíbeis expropiacións dos terreos afectados polo proxecto de Altri levantaron ao longo de toda a xornada os medos de moitos dos propietarios e das propietarias dos 800 predios que aparecen no proxecto como afectados polas distintas actuacións que Altri quere levar a cabo na zona.

Os veciños e as veciñas que acudiron esta quinta feira tanto a Agolada coma a Santiso para ser informadas polos técnicos, formularon as súas dúbidas aos responsábeis municipais e aos membros da Plataforma Ulloa Viva, que si asistiron a estes encontros. Todas coincidiron en criticar que ninguén da empresa se puxo neste tempo en contacto con elas para informalas dos predios que ían precisar, tanto para a captación e transporte da auga cara a Palas de Rei como os terreos precisos para a fábrica. Bruno Dapena en Palas non tranquilizou os propietarios ao respecto. Moitos aseguraron ademais a Nós Diario que "temos atopado pas facendo catas en terreos nosos sen permiso algún, e ninguén da empresa negociou nada con nós neste tempo”. 

Isabel Pereiro, de Agolada, explicou a Nós Diario que soubo a través do proxecto "que teño catro predios afectados, e non sei se mos van expropiar”. Temen a declaración de utilidade pública que a Xunta publicou no DOG o 4 de marzo xunto coa Declaración de Impacto Ambiental. “Non sabemos moito, pero si nos informamos de que se a celulosa vai adiante pódenos  expropiar”, explicou a Nós Diario Xosé Ramón, veciño de Brocos (Agolada). “Non falaron con nós, está pasando o mesmo que cando foi do encoro en 1968, que nos botaron das nosas casas coa Garda Civil por diante".

Comentarios