O PSdeG investigará os censos 'inflados' de Compostela

A dirección do partido acordou abrir "un proceso de información reservada" para, din, "esclarecer" o acontecido. 

Após facérense públicas até 292 novas altas nos censos do PSdeG de Compostela, a dirección do partido decidiu iniciar unha investigación a respeito da denuncia presentada polo secretario de Organización do PSOE Coruñés. 

Segundo as informacións recollidas por EuropaPress será o secretario de Política Municipal, Luís Ángel Lago Lage o responsábel de desenvolver o que denominan un "proceso de información reservada" para "esclarecer" non só a existencia de perto de 300 nov@s militantes na capital galega senón a filtración de dados persoais da militancia.

Nun comunicado de imprensa remitido pola Executiva nacional galega a secretaria de organización, Pilar Cancela, salientou a "neutralidade" coa que o PSdeG tomará parte na escolla da nova secretaría xeral da formación e o seu compromiso coa "transparencia do proceso". 

Comentarios