Sospeitas de irregularidades no censo militante do PSOE de Santiago antes das primarias

Nun só día déronse de alta 292 novos afiliados, ducias deles co mesmo domicilio, no que semella un claro intento de pucheirazo que enlama aínda máis a imaxe da política sistémica na cidade.

psoe
photo_camera Reunión do PSOE

Por se non chegase coa imputación do seu concelleiro Bernardino Rama, o PSOE de Santiago uniuse á grave crise de credibilidade que afecta as forzas políticas sistémicas na cidade compostelá, logo de saberse de sospeitosas e seguramente graves irregularidades co censo de afiliados da formación.

Así o denuncia o secretario de Organización do PSOE provincial coruñés, Emilio Vázquez Blanco, que cualificou de "insólita" a "duplicación" do censo de afiliad@s na Agrupación Socialista de Santiago de Compostela, "xusto antes de que se abra o proceso de primarias para a elección de candidato á alcaldía".

O secretario de Organziación do PSOE coruñés denuncia que nun só día se deron de alta un total de 292 novos militantes

Nun comunicado, Vázquez Blanco explicou que o pasado día 26 de maio déronse de alta un total de 292 novos militantes, cuestión pola que anunciou que pedirá á secretaria de Organización, Pilar Cancela, que "inicie unha investigación" e "tome as medidas oportunas" para "velar pola limpeza e transparencia do proceso de primarias na localidade".

O secretario de Organización d@s socialistas da provincia fixo público o "profundo malestar" da executiva provincial por unha operación que "parece querer pervertir as regras do xogo democrático" e considerou que se trata dun feito "moi grave, que esixe unha profunda investigación, a anulación cautelar de ditas altas e a depuración de responsabilidades".

"Feitos como que de súpeto a Agrupación de Santiago se converta na segunda en número de militantes de Galicia ou que existan numerosos militantes censados nunha mesma dirección deberían producir un salto das alarmas nos mecanismos de control do partido", asegurou.

Comentarios