23-X

O PSdeG empraza Feixoo a "pedir perdón" ás vítimas da droga desde o pazo de Baión

Carmela Silva salienta que unha persoa con relacións no pasado cun narcotraficante "non podería en ningún outro país presentarse como candidato á Presidencia".
Carmela Silva, David Regades, José Miñóns, Carmen Avendaño e Valentín González Formoso, no pazo de Baión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carmela Silva, David Regades, José Miñóns, Carmen Avendaño e Valentín González Formoso, no pazo de Baión. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG organizou esta cuarta feira un acto en conmemoración dos 15 anos da incautación por parte do Estado español do pazo de Baión, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), durante o que exixiu ao líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, que "pida perdón" ás vítimas da droga pola súa relación co narcotraficante Marcial Dorado.

Ás portas do icónico lugar, no que se concentraran hai case tres décadas as nais contra a droga, a presidenta do PSdeG e candidata ao Senado por Pontevedra, Carmela Silva, emprazou Feixoo a "pedir perdón" pola súa relación con Dorado e a dar explicacións e a dirixirse ás familias que "perderon tantas fillas e tantos fillos".

A ex presidenta da Deputación de Pontevedra e candidata ao Senado defendeu que alguén que no seu día tivo unha relación duradeira de amizade cun narco "non podería en ningún outro país presentarse como candidato á Presidencia". No acto, aliás, o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, lembrou que o 24 de xullo fará 15 anos a incautación do inmóbel por parte dun Goberno de coalición co BNG encabezado polo socialista Emilio Pérez Touriño, que "fixo o que tiña que facer".

Formoso advertiu da incidencia que segue tendo o consumo de drogas na sociedade galega e reclamou "pór activas todas as medidas que o sistema permita e convencer a toda a sociedade de que esta lacra medra". Ademais, subliñou que tiveron que ser persoas como Carmen Avendaño e as familias dos afectados quen puxesen en cuestión ao sistema e "loitaron contra esa gran secuela que tanto dano facía, e fai, na Galiza".

Neste sentido, advertiu que o país segue a ser hoxe un foco de entrada destas sustancias, como evidencia a incautación de 22.000 quilos de cocaína no ano 2022. O secretario xeral dos socialistas galegos subliñou que o pazo de Baión é a día de hoxe "símbolo dunha loita de toda unha sociedade contra a lacra da droga", encabezada pola "amiga e referente Carmen Avendaño".

A propia presidenta de Érguete, que tamén asistiu ao acto, exixiu ás administracións a "pór todos os medios para que a droga deixe de entrar na Galiza". Avendaño engadiu que o problema da droga "lamentabelmente segue existindo" e emprazou a continuar co traballo iniciado nos anos 90 polas organizacións contra a droga para crear un estado de opinión contra o narcotráfico. A escasos metros do lugar onde en 1994 protagonizaron a súa histórica protesta, a presidenta de Érguete pediu "illar" os narcotraficantes para que "non teñan facilidades para entrar" na sociedade.

Comentarios