18-F

Transporte metropolitano: estas son as propostas de PSdeG e Sumar para Vigo e A Coruña

As formacións comezan a traballar nas súas propostas programáticas.
José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou esta terza a creación, "cando sexa presidente", dun "Consorcio de Transportes que cubra as necesidades da Área Metropolitana da Coruña, con máis de 400.000 habitantes, e na que moitas persoas viaxan entre A Coruña e os seus concellos de residencia". 

Para Besteiro, este Consorcio debería "actuar como autoridade única para coordinar o transporte por estrada e ofrecer servizos de calidade, eficientes e xestionados de modo transparente", explicou o candidato socialista acompañado da alcaldesa da Coruña, Inés Rei e outras Alcaldías de localidades da comarca afectadas polos problemas no transporte de viaxeiras por estrada. 

Segundo afirmou Besteiro, nos últimos 14 anos do PP na Xunta da Galiza "o transporte público, lonxe de mellorar, empeorou as súas condicións e a mobilidade da cidadanía galega por falta de planificación". “O problema do transporte público é estrutural e responsabilidade de Rueda. A Galiza non pode ter un transporte metropolitano coa 'Rueda' pinchada", resumiu

Metro lixeiro

Pola súa parte, Sumar Galicia anunciou que, se a súa candidata Marta Lois consegue ser a presidenta da Xunta da Galiza nas vindeiras eleccións galegas, creará unha Consellaría de Mobilidade, que contará cunha empresa pública que "se encargará de pór en marcha un sistema de metro lixeiro na Coruña e Vigo". Así o anunciou o portavoz da formación, Paulo Carlos López, que enmarcou a proposta no seu "compromiso coas políticas verdes". 

Comentarios