18-F

O PSdeG promete unha xestión forestal "eficaz" nos montes veciñais para aumentar 1% o PIB

"O noso inimigo común, como sociedade, é o abandono da actividade no agro e no monte", apunta Besteiro.
Reunión de dirixentes socialistas co padroado da Fundación Arume, esta terza feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión de dirixentes socialistas co padroado da Fundación Arume, esta terza feira. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse esta terza feira a garantir unha xestión forestal "eficaz" nos montes veciñais para aumentar o PIB 1% e "xerar 120 millóns de euros para os comuneiros". Besteiro, xunto ao secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reuniuse co Padroado da Fundación Arume, dedicado á defensa do piñeiro e a explotación sustentábel e eficaz dos montes galegos con esta especie.

Alí, o presidenciábel socialista comprometeuse a cooperar co sector privado da silvicultura para xerar riqueza e lamentou o "fracaso da xestión dos montes públicos por parte do PP", que nos últimos 30 anos "obtivo unha produtividade dez veces inferior á que se obtén nos montes particulares". Ante isto, defendeu que os socialistas apostan por un cambio.

"A mala xestión do PP está a producir un descenso nos ingresos das comunidades de montes xestionadas pola Xunta duns 65.000 euros anuais ou, o que é o mesmo, perdéronse 650.000 euros por monte na última década. Bastaría unha xestión eficaz e sustentábel en 60% da superficie para multiplicar a produción. Isto xeraría máis de 120 millóns de euros anuais para os comuneiros e engadiría un punto ao PIB galego unha vez que esta materia prima entrase na cadea da transformación industrial", asegurou.

Para Gómez Besteiro, a "vantaxe estratéxica" fronte a outros sectores é que o forestal "ten que estar perto do recurso e non se pode deslocalizar cara a outras áreas ou terceiros países", polo que "garante o desenvolvemento industrial e económico do país e a creación de postos de traballo de calidade".

"Alicerce do desenvolvemento rural"

Aliás, Besteiro destacou o sector forestal como "un dos alicerces do desenvolvemento rural da Galiza, xunto coa agricultura e a gandaría", e subliñou a importancia do uso produtivo do territorio a través dos pastos, cultivos e terras de labor, porque "protexe o monte dos grandes incendios forestais actuando como un cortalumes natural".

"O noso inimigo común, como sociedade, é o abandono da actividade no agro e no monte, porque redunda nunha transformación estrutural do territorio que fai imposíbel atallar os lumes. Uns incendios que coa emerxencia climática serán cada vez máis frecuentes e intensos", recoñeceu.

Do mesmo modo, tamén fixo fincapé na necesidade de investir en formación e innovación no monte galego, pero tamén nos serradoiros "principal fonte de emprego industrial en moitos dos concellos do rural galego" e na cooperación coas grandes empresas "tractoras de moitas empresas auxiliares".

Por último, o tamén deputado no Congreso referiuse á necesidade de consolidar os mercados de remuneración de CO2 para os propietarios forestais. "O monte galego absorbe a metade das emisións dos vehículos de España. Se quen contamina paga, quen descontamina debe ser remunerado. E o diñeiro por captación de carbono suporían unha renda adicional moi importante para comuneiros e propietarios", relatou.

Comentarios