O PSdeG di que a Xunta "mira para outro lado" na contaminación por nitratos

Arangüena advirte dun "potencial problema de saúde pública".
O deputado do PSdeG, Pablo Arangüena (Foto: PSdeG).
photo_camera O deputado do PSdeG, Pablo Arangüena (Foto: PSdeG).

O portavoz de Medio Ambiente do PSdeG no Parlamento, Pablo Arangüena, cualificou esta cuarta feira a Xunta da Galiza de “Goberno tóxico” por “exercer o escapismo” diante do problema da contaminación por nitratos nos acuíferos galegos. O deputado presentou unha pregunta oral na comisión de Medio Ambiente da Cámara galega na que acusou a Consellaría de “mirar para outro lado”.

Afirmou que o Executivo galego elude exercer as súas competencias para protexer os acuíferos e cumprir coa directiva Marco das Augas da UE, que ten entrado en vigor hai 22 anos. Así o constata Greenpeace, dixo, que sitúa Galiza á cabeza do Estado na contaminación das zonas húmidas, ou a Sociedade Galega de Historia Natural, que leva 15 anos “dando a voz de alarma”.

Pablo Arangüena acusou o Goberno presidido por Alfonso Rueda de situarse “na liña da negación da realidade”, logo de negarse onte a dar información das sancións impostas por contaminación ás explotacións agrogandeiras, así como levar “todo este tempo negándose a facer o inventario de zonas vulnerábeis por contaminación por nitratos na Galiza”.

Denunciou a pasividade da Xunta fronte a un “grave problema medioambiental e un potencial problema para a saúde pública” e acusou a Administración galega de “permitir que o problema se perpetúe na Galiza" e vaia agravándose "ano tras ano", como está a suceder, afirmou, na Limia, no Deza e a zona do Ulla.

Dixo o socialista que o Goberno galego “pinta” na memoria de Augas da Galiza unhas cifras “imposíbeis de contrastar”, cando “a realidade é que hai 238 puntos de vertido contaminante detectados e outros 1.800 que din vostedes que non son contaminantes”. 

Comentarios