O PSdeG denuncia o "veto" da CRTVG á obra de Anxo Lugilde sobre saúde mental

O autor contou nunha entrevista a 'Nós Diario' que un dos motivos que o levaron a escribir 'A vella compañeira' foi o día que Alberto Núñez Feixoo anunciou que non marchaba a Madrid, no verán de 2018: "Mentres preparaba as miñas cousas, os de prensa do PP e periodistas afíns burlábanse de 'Lugilde e a pastilla'. Poderíame ter dado igual, pero estaba bastante mal e sentoume coma un tiro".
Anxo Lugilde, na entrevista concedida o pasado outubro a 'Nós Diario' (Foto: Arxina).
photo_camera Anxo Lugilde, na entrevista concedida o pasado outubro a 'Nós Diario' (Foto: Arxina).

O grupo parlamentario socialista vén de denunciar na Cámara o "veto" da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) ao xornalista Anxo Lugilde, que vén de publicar 'A vella compañeira' (Luzes), unha obra na que reflexiona sobre a saúde mental desde a súa perspectiva propia.

"Cal é o criterio xornalístico diferencial coa práctica totalidade dos medios galegos, dos máis importantes do conxunto do Estado, públicos e privados, para non mencionar e dar cobertura a unha obra sobre saúde mental, dun xornalista galego, escrita en galego e recoñecida a tantos niveis pola súa visibilización da depresión e das enfermidades mentais?", cuestionou a deputada Noelia Otero, na comisión de control á CRTVG.

A parlamentaria lembrou que a publicación de Lugilde, "cualificada pola crítica como un libro único", foi noticia "na práctica totalidade de medios a nivel galego e estatal, "agás nos medios públicos galegos".

De feito, Nós Diario entrevistou Lugilde o pasado outubro. Naquela conversa, o autor afirmaba que decidira escribir este libro "o día que o presidente da Xunta [Alberto Núñez Feixoo] chorou nun acto porque non podía ir a Madrid".

"Mentres preparaba as miñas cousas, os de prensa do PP e periodistas afíns burlábanse de 'Lugilde e a pastilla'. Poderíame ter dado igual, pero atopábame bastante mal e sentoume coma un tiro. E iso tamén contou", dixo. Alén disto, contaba que tamén o impulsara a tomar esta decisión o feito de "axudar aos demais". "Non porque non lle dera importancia, senón porque non pensei que había tal necesidade", engadiu.

Neste contexto, Noelia Otero cualificou de "cando menos, curioso" que a obra "non teña eco nos espazos da nosa radio e televisión pública" dada a súa "boa acollida", e cando mesmo o presidente do goberno de España, Pedro Sánchez, convidou ao autor, a raíz desta publicación, a intervir na presentación do Plan de Acción 2021-2024 de Saúde Mental realizada no Pazo da Moncloa.

"Todas as expectativas previas de repercusión da obra que tiñan as tres editoriais foron desbordadas amplamente en televisión, radio e prensa de papel e dixital", sinalou a deputada do PSdeG.

Comentarios