O PSdeG demanda crear un Observatorio da Morte Digna tras o aumento "histórico" dos testamentos vitais
O PSdeG demandou a creación dun Observatorio da Morte Digna como "instrumento estábel de seguimento, análise e mellora" dos procesos vinculados ao final da vida e ante un contexto marcado polo aumento do número de testamentos vitais rexistrados en 2025 na Galiza.
"Non é unha casualidade. É o reflexo dunha sociedade que quere decidir con dignididade o final da súa vida", valorou a deputada Elena Espinosa sobre esta cifra que cualifica de "histórica". Segundo recolle a formación socialista, ascende a un total de 6.049 documentos e dobrou a do ano anterior.
Por iso, a súa formación rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para mellorar o coñecemento, o acceso e a aplicación efectiva da prestación de axuda para morrer e coa proposta concreta do Observatorio "para que este dereito se coñeza, se respecte e se exerza en igualdade en toda Galiza".
A formación socialista aposta por este como unha ferramenta para avaliar a aplicación da lei, detectar desigualdades territoriais, reforzar a formación do persoal sanitario e impulsar accións de información dirixidas á cidadanía, incluído o fomento dos documentos de instrucións previas.
Ademais, a deputada do PSdeG no Parlamento galego apreciou que a visibilidade de casos como o de Laura Fernández Abalde, vinculada á asociación Dereito a Morrer Dignamente Galiza, foi "decisiva" para abrir este debate e que moitas persoas dean o paso de "deixar por escrito a súa vontade".
