PSdeG e BNG pactan avanzar no baleirado das Deputacións

O PSdeG e o BNG asinaron na xornada de onte un acordo marco para facilitar a constitución e a conformación de Gobernos compartidos nas Deputacións de Lugo e A Coruña.
Carmela Silva, José Manuel Laxe e Alberto Varela, do PSdeG; Carme da Silva, Bieito Lobeira e Rubén Cela, do BNG, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carmela Silva, José Manuel Laxe e Alberto Varela, do PSdeG; Carme da Silva, Bieito Lobeira e Rubén Cela, do BNG, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Europa Press)

O documento pactado entre as direccións das dúas formacións políticas e rubricado polo secretario de organización dos socialistas, José Manuel Lage, e o representante da área de Organización dos nacionalistas, Bieito Lobeira, define as grandes liñas de acción de Goberno para estas institucións

O documento, titulado Acordo para acadar a actuación nas Deputacións Provinciais e conformación dos Gobernos provinciais, expresa a decisión de PSdeG e BNG de avanzar nunha "decidida política de delimitación" das competencias deste entes para transferir á Xunta as consideradas impropias, ao tempo que se propón afondar na transparencia na toma de decisións e nun modelo alternativo ao do Partido Popular.

O texto acordado por socialistas e nacionalistas defende axustar as funcións das deputacións “ao seu estrito marco competencial”, isto é “a cooperación xurídica e técnica cos concellos e impulsar a maior transferencia de recursos económicos posíbeis cara aos concellos pequenos e medianos”. Nesta liña, comprométense a comezar nos próximos tres meses a negociar “a transferencia á Xunta de todos os equipamentos e servizos impropios ou que deben ter unha articulación a nivel galego que aínda posúen ou prestan as deputacións”.

As direccións socialistas e nacionalistas apostan por situar “os concellos como centro decisorio das políticas”. Nesa orientación, aseguran que “as deputacións mudarán o xeito de se relacionaren cos concellos. As deputacións deben ser, fundamentalmente, asistentes organizativas e transmisoras de recursos financeiros cara aos concellos. E débeno facer, conforme á legalidade vixente, con base en criterios obxectivos e que aseguren corrixir desequilibrios territoriais”.

O programa marco asinado polo PSdeG e BNG recolle “medidas  en defensa da recuperación da memoria democrática” e de compromiso “coa normalización lingüística como criterio transversal e con planificación comarcal”. Nesa dirección, “garantirase o uso do galego por parte dos membros da Corporación".

Comentarios