23-X

O PSdeG atribúe a escaseza de persoal médico aos "recortes" do PP

Miñóns salienta a ampliación de prazas MIR polo Goberno estatal.
David Regades, José Miñóns e Abel Caballero, hoxe, en Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera David Regades, José Miñóns e Abel Caballero, hoxe, en Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O ministro de Sanidade, José Miñóns, achacou esta cuarta feira a falta actual de médicos na Galiza e no Estado á política de "recortes do Partido Popular" levados a cabo no pasado, mentres destacou as medidas tomadas polo Goberno español de Pedro Sánchez.

Así o sinalou ante a prensa após se reunir co alcalde de Vigo e presidente en funcións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, para falar sobre a Rede de Cidades Saudábeis. Tamén estivo presente o candidato socialista número un ao Congreso por Pontevedra, David Regades.

"A situación que temos hoxe en día é unha situación que vén do recorte do pasado e do pasado unha vez máis do PP", criticou, subliñando que o Executivo estatal está "a bater marcas" na formación dos "médicos do futuro", pero "necesítanse cinco anos" para formar a estes profesionais, polo que fai falta "tempo".

Ante esta situación, acusou o presidente do PP español e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de usar "a trampa, a mentira, o engano" ao dicir que vai sacar mil prazas de médicos de familia ao ano se chega ao poder para atender a demanda actual.

"Eu sempre me pregunto se falou coas comunidades autónomas, que son as que teñen que ofertar esas prazas. Se están de acordo, por que non o fixeron antes coa necesidade que houbo? Ou me pregunto se se parou a pensar se hai titores suficientes para esas mil anuais", engadiu.

O aínda ministro puxo o foco en que o Goberno de Sánchez destinou 52 millóns de euros ás universidades para ampliar o número de prazas de graduados, con 750 na convocatoria deste ano.

Comentarios