18-F

O PSdeG acusa Rueda de "fuxir dos debates" mentres fai un "uso partidista" do DOG para "repartir diñeiro"

Mayra García advirte que estas "malas prácticas" co diñeiro público coinciden co comportamento irregular do PP e do Goberno de Rueda na precampaña, que supuxo varias reprimendas desde a Xunta Electoral.
mayra
photo_camera A candidata socialista número tres por Lugo, Mayra García. (Foto: Europa Press)

A ex alcaldesa de Trabada e candidata número tres do PSdeG pola circunscrición de Lugo, Mayra García, acusou esta cuarta feira o candidato do PP e actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de "fuxir dos debates" electorais para evitar dar conta das "peores prácticas do seu goberno" nas últimas horas antes da campaña, cun "uso partidista" do Diario Oficial da Galiza (DOG) para repartir diñeiro "a dedo".

Nun comunicado remitido aos medios, a socialista sostivo que o Goberno galego segue a utilizar o DOG con "descarados fins electoralistas", ao "repartir 590 millóns de euros no que vai de xaneiro". Así, acusou o Goberno galego de "apurar o baleirado das contas públicas até o último minuto".

Mayra García sostivo que desde a pasada cuarta feira, cando xa sumaban 500 millóns de euros —algo do que xa informou Nós Diario—, aumentaron as contías en subvencións e axudas directas até os 590 millóns de "todos os galegos e galegas", que son "utilizados polo interese electoral do PP".

Aliás, lamentou que a realidade dese "a razón" aos socialistas galegos, que a semana pasada alertaban de que esta práctica ía continuar, e dixo que só esta cuarta feira publicaron axudas por 33 millóns de euros máis. "Estas cifras son moi superiores ás de calquera inicio de ano, o que evidencia a súa intención clientelar e electoralista até o punto de que nin tan sequera podemos saber se as subvencións van levar a termo", indicou.

A responsábel socialista exixiulle á Xunta que poña fin a esta práctica "partidista" coa que, denunciou, queren "espoliar o diñeiro de todos os galegos e galegas" nun "intento desesperado por adulterar o resultado electoral". Ademais, urxiu o cambio no Goberno galego, para que un novo executivo liderado por José Ramón Gómez Besteiro "desterre estas prácticas coas que", engadiu, "están a hipotecar os galegos e galegas".

García advertiu que estas "malas prácticas" co diñeiro público coinciden co comportamento irregular do PP e do Goberno de Rueda na precampaña, que supuxo varias reprimendas desde a Xunta Electoral, con "sucesivas denuncias impostas desde o PSdeG e resoltas en contra do PP, a última por utilizar os lemas e os logos institucionais para confundir deliberadamente o electorado".

Comentarios