Propoñen reforzar a participación cidadá fronte á tentación do PP de achicar o Parlamento

O BNG propón fixar o prazo dun mes entre a presentación dunha ILP e a súa inclusión na orde do día, para evitar o veto imposto a Preescolar na Casa e SOS Sanidade Pública. Mentres, desde as filas conservadoras barallan a achega de Esperanza Aguirre de reducir o número de deputad@s e fan contas para que a súa maioría pese máis

"Se puidermos funcionar con menos deputados, eu non teño ningún problema", dixo nas últimas semanas a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, ao lle preguntaren nunha radio española pola proposta de Esperanza Aguirre de achicar a Asemblea de Madrid, de 129 deputad@s a 65. No Partido Popular xa botaron contas e saben que, de se rebaixar o número de escanos na Cámara galega, sairían beneficiad@s, se ben non prevén unha modificación da lei electoral nesta lexislatura.

Porén, o mero feito de se abrir o debate ao redor da posibilidade de reducir @s deputad@s agocha, ao entender do BNG, "un intento de reforzar os sistemas maioritarios". Para porlle freo, a voceira do grupo parlamentar nacionalista, Ana Pontón, vén de presentar unha proposición non de lei co obxectivo de modificar a lexislación vixente e reforzar a participación directa da cidadanía nas institucións. Ao respecto, Pontón tildou de "absolutamente antidemocrático" o poder de veto exercido polo PP para amordazar o debate das dúas últimas ILP --Iniciativa Lexislativa Popular-- que chegaron á Cámara: unha pola continuidade de Preescolar na Casa e outra contra o RD 16/2012, que contempla recortes no dereito á sanidade pública.

Presentar unha ILP require do apoio de polo menos 15.000 sinaturas, polo que botar abaixo xa non o que nelas se exixe senón a posibilidade de discutilas, "é unha actitude que vulnera dereitos fundamentais e que convirte en papel mollado a figura das ILP", recalcou Pontón. Nesta liña, nacionalista considerou que cara a onde se debe camiñar é "cara a mecanismos que sexan o retrato fiel da sociedade", fronte ao vieiro seguido polo PP, onde unha forza maioritaria fai calar as voces críticas.

E é que un Parlamento de Galiza máis pequeno sería para a formación conservadora algo así como o escenario soñado. O Estatuto fixa unha pinza de entre 60 e 80 escanos, polo que abondaría cunha modificación na lei electoral para rebaixar o número actual, 75, até o mínimo permitido ao abeiro desta norma, 61 --o número impar máis baixo--. A tentación, aínda que non semella inminente, fica riba da mesa. Cos resultados de 2009, nun Parlamento de 61 deputad@s, Feijóo tería 32 --dos 38 actuais sobre 75--.

Mais o reparto de escanos vixente a día de hoxe permite que o Parlamento se coloque "ao servizo do Goberno" e que un dos grupos "manteña vetadas certas iniciativas por lle resultaren incómodas", queixouse Pontón. Para evitar tal situación, propón o BNG que se estabeleza un tempo máximo para a ILP ficar en lista de espera, que será dun mes, até ser incluida na orde do día. Alén desta mudanza, a nacionalista aproveitou para reclamar un funcionamento "normal" da Cámara para o mes de xullo, tanto no número de sesións como na configuración de ordes do día "plurais".

Comentarios