Presidentes autonómicos ameazan Feixoo con darlle plantón se utiliza a cimeira de Santiago para confrontar

"Non me gusta que me utilicen e máis división non é boa para os que cremos no diálogo", dixo o presidente de Estremadura en relación a Feixoo. Ás súas críticas uníronse a doutros mandatarios. 
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, na reunión do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)
photo_camera O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, na reunión do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, viu este 14 de outubro como se volveu na súa propia contra o anuncio que realizou na xornada anterior -no Debate do estado da nación- cando deu a coñecer que Santiago acollerá a 2 de novembro unha cimeira a modo de "fronte común" sobre financiamento autonómico con oito presidentes (o de Asturies, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Cantabria e Estremadura, ademais do propio Feixoo).

Durante o seu discurso no Parlamento galego, cando anunciou a cimeira, chamou a impedir que o modelo de financiamento autonómico sexa "decidido nunha mesa bilateral" do Estado co "único Goberno autonómico que manifesta abertamente estar en contra da nación", dixo en referencia á mesa de diálogo sobre Catalunya.

Este 14 de outubro, os presidentes socialistas de Asturies, Adrián Barbón; Aragón, Javier Lambán; e Estremadura, Guillermo F. Vara; así como o valenciano Ximo Puig (que non está convidado á cimeira) advertiron que o encontro non se pode converter nunha "fronte" para atacar o Goberno estatal e outras comunidades.

O primeiro en pronunciarse foi o presidente estremeño pedindo que non conten con el para o cumio se alguén pretende ver "como atacamos outras comunidades ou o Goberno". "Non me gusta que me utilicen e máis división non é boa para os que cremos no diálogo", conclíu Vara nun chío. O seu homólogo asturiano manifestou en Twitter a súa coincidencia con Vara. Pola súa banda, Lambán afirmou que a cimeira de Santiago non pode servir "a fins frontistas contra o Goberno de España, para facer política anticatalana" ou para tratar de "condicionar" a tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022.

Após estas reaccións, Feixoo defendeu que a reunión non terá carácter frontista. "Non é unha fronte contra ninguén, é para achegar desde o sosego unha visión ao Goberno sobre a España das autonomías, facer un documento de consenso", dixo.
Ante a insistencia dos medios, asegurou que, pese ao malestar manifestado por presidentes socialistas tras as súas palabras no Debate sobre o estado da nación, a el non lle consta que vaia haber baixas.

Feixoo afirma que as contas do Estado "bloquean" autovías e infraestruturas

Seguindo co financiamento, a proposta de Orzamentos Xerais do Estado "confirma", en opinión de Núñez Feixoo, "o bloqueo das autovías" galegas e a falta de "novos proxectos de calado" en infraestruturas nas cidades. Así se pronunciou este 14 de outubro sobre as contas do Estado na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. 

Feixoo chamou a ser cautos até coñecer máis en profundidade as contas do Estado para a Galiza. Con todo puxo xa o foco en varias carencias en infraestruturas: non se contempla a saída sur de Vigo nin os accesos á Coruña ou a Ourense, á vez que "se confirma" que "todos os grandes investimentos en materia de autovías non tocan no ano 2022". O presidente lamentou as "reducidas contías" para os proxectos de Vigo-O Porriño, a ampliación da Avenida de Alfonso Molina e a Ponte da Pasaxe, na Coruña, a autovía da Mariña ou a de Ourense-Ponferrada, e "especialmente abandonada" quedan, considerou, as autovías Lugo-Ourense e Lugo-Santiago.

Cuarto plan de rescate, con fondos do terceiro

Noutra orde de asuntos, o titular da Xunta avanzou a activación dun cuarto plan de rescate aos sectores económicos máis afectados polo impacto da pandemia dotado de 134 millóns de euros sobrantes da convocatoria anterior. O plan recollerá as últimas modificacións introducidas polo Goberno estatal co obxectivo de que os cartos cheguen a quen máis o precisa.

Formación sanitaria

A Xunta tamén deu este 14 de outubro luz verde ao inicio da tramitación do anteproxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada. O obxectivo é triplo: harmonizar o labor docente dos especialistas e médicos residentes, optimizar a calidade no proceso de formación e incrementar o número de facultativos na sanidade pública.

A través da ampliación de médicos-formadores, a intención é que o Ministerio amplíe o número de prazas MIR na Galiza.

A emerxencia sanitaria expirará na quinta feira

O Goberno galego conta con declarar a fin da emerxencia sanitaria na súa reunión da próxima quinta feira, 21 de outubro, logo de que, previsibelmente, o Comité Clínico avogue por esta opción na xuntanza da terza feira. A situación de emerxencia sanitaria foi decretada na Galiza en marzo de 2020 por mor da pandemia do coronavirus. 

Aínda que se manterán as medidas básicas de precaución fronte ao virus -máscara e distancia de seguridade-, este novo paso achegará Galiza á "normalidade" previa á Covid-19.

En concreto, o Goberno galego confirmou que se continuará avanzando no incremento das capacidades da hostalaría e doutras actividades. Ao tempo, resaltaron que as restricións que quedarán activadas "serán mínimas", xa que, de acordo coa situación epidemiolóxica e a evolución da vacinación na Galiza, "non caben moitas".
Iso si, advertiuse de que as decisións tamén poden volver producirse en sentido contrario por municipios ou zonas se a situación epidemiolóxica empeorase.

Inicio da campaña da gripe

E en paralelo coa aplicación da terceira dose da vacina contra o coronavirus a determinados grupos, como o das persoas maiores de 70 anos, Sanidade dará inicio na segunda feira á campaña da vacinación antigripal, que se estenderá até finais de decembro. Adquiriranse máis de 885.000 doses. Como principal novidade, por primeira vez este ano e para mellorar a xestión, a vacinación será secuencial. 

Así, este 18 de outubro ábrese a inoculación para o persoal sanitario. A partir de 25 de outubro será a quenda das persoas maiores de 65 e para usuarias e persoal de residencias. Desde o día 15 de novembro ábrese para maiores de 60, embarazadas, prematuros e persoal de servizos esenciais. Por último, a partir do día 29 de novembro, disporase da vacina para o resto da poboación albo.

Comentarios