Feixoo anunciará esta cuarta feira a fin do estado de emerxencia sanitaria na Galiza

Levantarase a semana que vén. Leva activo desde marzo de 2020.
O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, na primeira reunión do Executivo galego após o período estival (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, na primeira reunión do Executivo galego após o período estival (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta anunciará esta cuarta feira, na primeira xornada do debate sobre o estado da nación, o levantamento de emerxencia sanitaria que leva activo en Galiza 19 meses, desde marzo de 2020.

Será un dos principais anuncios en materia sanitaria, unha vez que "se ve a luz ao final do túnel", segundo avanzaron a Europa Press fontes gobernamentais.

A xornada desta terza feira, festiva, Feixoo dedicaraa a "ultimar" no seu despacho da residencia oficial de Monte Pío a preparación do debate. No seu discurso, que principiará a cuarta ás 10 horas no Pazo do Hórreo, ten previsto destacar a "estabilidade e a normalidade democrática" da política galega, unha cuestión que este 2021 cobra especial simbolismo polo 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía.

Fronte á situación de Galiza, Feixoo contrastará o seu noveno debate á fronte da Xunta -á marxe das investiduras-, co contexto político estatal, en que á marxe das investiduras, "non se celebrou un debate do Estado da Nación desde hai case sete anos", recalcan as fontes da Xunta.

Crise sanitaria, económica e industrial como protagonista

A situación dos servizos públicos como a sanidade e a educación, a crise industrial que afecta a Galiza, a situación económica e os fondos europeos Next Generation centrarán na próxima semana o debate do estado da nación, o primeiro desde a irrupción da pandemia. Será tamén o primeiro para Alberto Núñez Feixoo nesta lexislatura -o noveno como presidente da Xunta- e o primeiro para Ana Pontón como líder da oposición. 

Segundo o estipulado este 5 de outubro pola Xunta de Portavoces da Cámara, que elaborou a orde do debate, este iniciará ás 10 horas da mañá do día 13 coa intervención, sen límite de tempo, do presidente da Xunta. Xa pola tarde, sobre as 16 horas, intervirán as portavocías de cada grupo (PP, BNG e PSdeG). Terán un tempo aproximado de 45 minutos, tras o que Feixoo poderá responder. Os partidos contarán cunha segunda intervención de 15 minutos antes da fin da xornada por parte do presidente da Xunta.

O día 14 resérvase para as negociacións das propostas de resolución, que serán votadas na sexta feira, día 15, tras as novas intervencións dos grupos.

O BNG defenderá 40 propostas para saír da crise económica e social tras a pandemia. Así o anunciou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, que emprazou o PP a considerar estas ideas e non tiralas “ao caixón do lixo”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levará ao debate propostas para impulsar a configuración dunha “estratexia de país da que carece a Xunta”. Así o explicou o viceportavoz  do grupo parlamentario socialista, Pablo Arangüena.

Comentarios