O presidente da Deputación de Lugo acusa a Sanidade de "manipular" os datos da Covid

"Quen merece un tirón de orellas é o conselleiro, por falta de transparencia, pola manipulación de datos e por tratar de forma distinta os concellos onde gobernan que os municipios onde non goberna o Partido Popular", sinalou

José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo.
photo_camera José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, acusou o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, de "falta de transparencia" e de "manipulación de datos" sobre os focos da Covid-19 e as restricións nos concellos máis afectados.

Despois de que o titular de  Sanidade asegurase que a situación da pandemia mellora na Galiza urbana agás en Lugo e Vigo, José Tomé considerou que  Comesaña "trata de desviar a atención sobre as súas responsabilidades".

"Quen merece un tirón de orellas é o conselleiro, por falta de transparencia, pola manipulación de datos e por tratar de forma distinta os concellos onde gobernan que os municipios onde non goberna o Partido Popular", manifestou.

Tomé asegurou que "na provincia de Lugo" hai "exemplos  clarísimos". "E a listaxe de afectados por cada cen mil habitantes que se publicaron onte mesmo [pola cuarta feira], hai varios concellos gobernados polo PP que tendo afectados moi superiores a municipios pechados con todo non se pechan", protestou.

Neste caso, engadiu, "aí dise que se vai a crear unha comisión de estudo, e iso sinxelamente é unha discriminación e utilizar uns criterios, que teoricamente son criterios clínicos duns expertos para manipulalos en beneficio propio do PP". "Os cidadáns non merecen isto e o conselleiro debería pensar ben o que di, e debería pensar mellor o que fai", encomendou.

Deste modo, incidiu en que a Xunta "non é transparente" e asegurou que "se están dando datos que non son reais" do municipio que rexe, Monforte. "Moitas veces, ás veces son datos atrasados ou non son datos completos", apuntou.

Comentarios