PPdeG non fecha a porta a que as eleccións sexan canda as vascas, previstas para xullo

Considera “precipitado” falar agora de comicios mais non desbota que para o mes estea na axenda.

eleccións  María José López (Europa Press)
photo_camera (María José López / Europa Press)

O Partido Popular de Galiza non fecha a porta a que as eleccións galegas volvan, unha vez máis, coincidir coas vascas, comicios que o lehendakari Iñigo Urkullu quer realizar o vindeiro mes de xullo.

O portavoz parlamentar do PPdeG, Pedro Puy, dixo esta segunda feira que é "precipitado" falar das eleccións galegas, que estaban previstas inicialmente para o 5 de abril e que quedaron suspendidas por mor da crise sanitaria do coronavirus. En todo caso, tampouco fechou a porta a ningunha data pola que poida optar o presidente, Núñez Feixoo.

En rolda de prensa telemática, Puy lembrou que o decreto electoral establece como condicións que pase o estado de alarma e que se desactive tamén o de emerxencia sanitaria na Galiza. "O primeiro é o primeiro, que a situación permita levantar o estado de alarma e despois o de emerxencia sanitaria", engadiu.

Baixo o seu punto de vista, mentres isto non suceda a data electoral non debería "estar nin na axenda" xa que "só introduce confusión".

"As eleccións serán cando se poida", remarcou. Con todo, preguntado sobre se dentro dun mes podería ser xa o momento de introducir o debate electoral na axenda (aínda daría marxe para celebrar a cita coas urnas a finais de xullo), non o desbotou.

Para Puy, "oxalá" sexa posíbel dar este debate dentro dun mes, porque iso "quererá dicir que as cousas van mellor". Chegado o momento, lembrou que, conforme determina o decreto, Feixoo terá que ouvir á oposición.

Comentarios