As eleccións galegas, no horizonte próximo

Que o lehendakari Urkullu estude realizar as eleccións vascas en xullo fai prever un "desconfinamento"  das urnas galegas antes do verán, a teor dos antecedentes, xa que Núñez Feixoo seguiu nas últimas convocatorias o calendario vasco. Con todo, Feixoo evitou pór data e sinalou que a prioridade é a loita contra o virus.
As eleccións galegas estaban previstas para o 5 de abril (Imaxe: Polaris / Contacto)
photo_camera As eleccións galegas estaban previstas para o 5 de abril (Imaxe: Polaris / Contacto)

O lehendakari vasco Iñigo Urkullu movía ficha no calendario electoral na maña de onte, citando para a semana os partidos co obxectivo de estudar a realización dos comicios en xullo. Ao igual que na Galiza, os vascos estaban previstos para o 5 de abril e foron suspendidos pola crise do coronavirus. 

Euskadi non é Galiza, mais é difícil non ouvir os tambores electorais ollando os precedentes. "A decisión que teñamos que tomar non vai ter unha relación directa co que formule o lehendakari", dicía Feixoo o 10 de febreiro, xusto despois de coñecerse o adianto en Euskadi.

Ese mesmo día, á tarde, o rumor confirmábase e Feixoo facía coincidir de novo os comicios galegos cos vascos, datándoos para o 5 de abril, mantendo así a dinámica de coincidencia seguida nas tres últimas citas electorais.

Feixoo é consciente do decreto que asinou o pasado 18 de marzo polo que se adiaron os comicios. Nel figuran varios requirimentos para que o presidente da Xunta poida voltar a convocar as eleccións: o levantamento do estado de alarma, declarado polo Goberno estatal; o levantamento da situación de emerxencia sanitaria, activada polo Consello da Xunta; e “ouvir” as formacións políticas. 

Desconfinar as urnas

Tal e como se desprende do decreto, as urnas sairán á luz cando Galiza volte á normalidade. Neste sentido o estado de alarma caduca o 9 de maio e, pese a non sabermos se haberá máis prórrogas do mesmo, Pedro Sánchez xa anunciou que en maio haberá unha desescalada progresiva. E precisamente o Goberno galego non perde o tempo en traballar nun horizonte de desconfinamento e de regreso á normalidade, seguindo as pautas marcadas polo comité clínico.

De feito, nesta materia non quere verse ralentizado por decisións do Executivo español. Así, mentres que a Xunta non quixo pedir o feche da capital do Estado nin a blindaxe da Galiza na primeira fase da pandemia, tal e como demandaron outras Presidencias como a catalá, de corte soberanista, mais tamén a murciana, do PP, agora Feixoo si quere medidas diferenciadas para iniciar a desescalada na Galiza.

Onte Feixoo demandou “ao Goberno estatal autonomía para a Galiza" na toma de medidas na volta á normalidade. 

De aí que este domingo o presidente galego vaia presentar a Sánchez un plan de desconfinamento con propostas a nivel galego ou que xa demandara antes que o Goberno estatal que as crianzas puidesen saíra á rúa a dar paseos.

O decreto sinala que as eleccións se realizarán "no prazo máis breve posíbel"

“Seguimos pensando que é imprescindíbel ter un horizonte de volta á nova normalidade", dixo Feixoo onte, pese a que incidiu en que este só será posíbel se a situación sanitaria o permite. E, coa normalidade en marcha, as urnas asoman de novo.

Feixoo en campaña

O decreto sinala que as eleccións se realizarán "no prazo máis breve posíbel", e isto, atendendo a varios feitos criticados pola oposición desde o incio da emerxencia, indica que canto antes sexan as eleccións, maior vantaxe ten Feixoo. O primeiro dos feitos denunciados nun comunicado conxunto asinado polo PSdeG, En Común, BNG e En Marea ten a ver coa CRTVG.

Cualificábase nel de "intolerábel que, mesmo no medio dunha pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feixoo e do PP".

A oposición criticou, ademais, que se lle opaque cun Parlamento disolto pola convocatoria electoral do 5 de abril, considerando antidemocrático que non se retransmitan os plenos da Deputación Permanente da Cámara. Ademais, o contexto, tal e como critican, é de "anormalidade democrática" xa que, co Parlamento disolto, o presidente non se somete a ningún control.

O contexto, di a oposición, é de anormalidade democrática xa que, co Parlamento disolto, o presidente non se somete a ningún control

De feito, aínda non compareceu para dar explicacións sobre a crise nas residencias pese a demandarllo toda a oposición. Así mesmo, Feixoo está a responsabilizar dos erros a Pedro Sánchez sobre a xestión sanitaria, o material defectuoso ou a falla de tests, sabedor de que debilitando o Goberno estatal erosiona as perspectivas electorais dun PSdeG e Podemos cuxo cabalo forte está na coalición da Moncloa. 

"A convocatoria realizarase no prazo máis breve posíbel, ouvidos os partidos políticos”, reza o decreto do adiamento electoral. Isto indica que Feixoo non ten por que consensuar a nova data cos partidos. Preguntado onte por Nós Diario, o presidente non falou de consensuar, e limitouse a dicir que "antes de adoptar ningunha decisión" citará os partidos.

Non ir "a rebufo"

Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) afirmou onte que falar agora de eleccións é "irresponsábel" pola situación sanitaria e sinalou que a prioridade é pelexar fronte ao virus.

Gonzalo Caballero (PSdeG) situou tamén a prioridade na emerxencia sanitaria.

Para Ana Pontón (BNG) "as eleccións só se deben realizar cando existan todas as garantías sanitarias, nin un minuto antes nin un minuto despois". A nacionalista pediu ademais a Feixoo que non vaia "a rebufo de Urkullu" e que a data se decida na Galiza.

Na mesma liña que Pontón postulouse En Marea, que pediu ademais que as eleccións sexan cando a xente poida votar con seguridade e liberdade. 

Feixoo propón unha desescalada galega

O presidente da Xunta exporá este domingo ao presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, un plan de inicio da desescalada na Galiza. As medidas que formulará contemplan permitir unha saída dunha hora diaria á poboación para realizar exercicio, mantendo a distancia social; reactivar obras en edificios, reabrir os mercados agroalimentares ao ar libre, os talleres mecánicos e os concesionarios. Tamén se contempla a volta á actividade nos comercios, limitando o aforo e mesmo con cita previa.

Aínda que Feixoo non se posicionou a prol de fechar Madrid ou blindar Galiza na primeira fase da extensión do coronavirus, si defende "autonomía para Galiza" na desescalada. Ademais, entende que esta se pode realizar "por zonas e subzonas do territorio galego” e de forma diferenciada no rural, atendendo a factores como a demografía ou a mobilidade.

Comentarios