PP e Vox botan abaixo o seguimento do Parlamento Europeo das denuncias de "manipulación" na CRTVG

A maioría do Partido Popular Europeo e de Conservadores e Reformistas, onde se encadra Vox, votou a favor de fechar a petición ao considerala "infundada".
Concentración do persoal dos medios públicos galegos nas instalacións da CRTVG coincidindo co 301 Venres Negros (Foto: Defende a Galega).
photo_camera Concentración do persoal dos medios públicos galegos nas instalacións da CRTVG coincidindo co 301 Venres Negro (Foto: Defende a Galega).

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo non dará seguimento ás denuncias de "manipulación" na Corporación Radio Televisión da Galiza (CRTVG), despois de que a maioría do Partido Popular Europeo e de Conservadores e Reformistas, onde se encadra Vox, votase a favor de fechar a petición ao considerala "infundada".

Ambos os grupos fixeron valer a súa maioría de 12 membros fronte aos 9 eurodeputados e eurodeputadas do grupo socialista e do formado polos verdes e a Alianza Libre Europea, algo que xerou as críticas do BNG.

Esta terza feira, a Eurocámara estudou a denuncia dun grupo de traballadores e traballadoras da CRTVG sobre "manipulación informativa e falta de obxectividade, veracidade e pluralismo" da información no ente, acusando ao Goberno da Xunta da Galiza de "intervir" na liña editorial do organismo e de "perseguir" ao persoal que denuncia a situación nas protestas dos chamados 'venres negros'.

Unha representante da Comisión Europea explicou que a Lei de Medios aprobada recentemente fixa que os Estados membro fagan seguimento a través de mecanismos independentes de que se cumpre a liberdade de expresión nos medios públicos, garantan os fondos públicos e vixíen o nomeamento transparente dos membros de consellos de administración. Igualmente, insistiu en que son as autoridades estatais as que deben investigar casos individuais e actuar para protexer a liberdade e o pluralismo.

O eurodeputado do PP, Francisco Millán Mon, rexeitou a petición dos traballadores e das traballadoras da CRTVG asegurando que se basea en "opinións e xuízos de valores" que, segundo el, "non apoian" sentenzas xudiciais, a pesar de que o persoal ten ao seu favor sentenzas xudiciais por "vulneración" de liberdade de expresión. As protestas "non reflicten o sentir da maioría dos 900 traballadores da cadea", considerou Millán Mon.

Por contra, a representante do BNG, Ana Miranda, que previamente presentou un recurso que posibilitou o debate do punto, denunciou o "acoso" ao persoal da televisión galega e o uso con fins políticos do medio desde os tempos de Alberto Núñez Feixoo, insistindo en que se debe aplicar a nova lexislación europea que garanta a liberdade de prensa. "Xa abonda de manipulación. Seguiremos loitando", defendeu.

Mentres, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares asegurou que "a maior manipulación mediática en España" é a que se produce na CRTVG. "É sanguento. Xa está ben de que a televisión da Galiza se poña ao servizo dos intereses dun partido. Sábeno todos os galegos", reiterou, incidindo en que a dirección do ente non deixa protestar a traballadores e traballadoras e en que a dinámica sucede desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo ao Goberno da Xunta, desde cando se mantén o director xeral da CRTVG co mandato caducado.

Esther Sanz, de Podemos, expresou o seu apoio á protesta do persoal da CRTVG, insistindo en que PP e Vox trataron de bloquear o debate parlamentario desta petición (o que motivou o recurso da eurodeputada Ana Miranda que posibilitou o debate). "Non me estraña nada que o PP fixese isto coa televisión galega", dixo Esther Sanz, apuntando que este caso súmase ao da televisión valenciana que tivo que fechar despois de estar implicada en casos de corrupción.

Comentarios