O PP rexeita urxir un pleno no Parlamento galego para tratar a vaga de lumes
O BNG denuncia "políticas suicidas" e o PSdeG pide analizar en comisión se se cumpriron as medidas de 2018 sen desbota ir á Fiscalía
O PP, grupo maioritario na Cámara galega, rexeitou esta sexta feira cos seus votos a petición do BNG de celebrar un pleno extraordinario para abordar a vaga de incendios deste verán.
Entre duras críticas da oposición, o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, alegou que primeiro hai que centrarse "na emerxencia" e que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá no primeiro pleno ordinario do 9 de setembro.
Nun debate tenso, no seo da Deputación Permanente, órgano reitor da Cámara en períodos inhábiles, o portavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, botou en cara aos populares que as políticas da Xunta eran "suicidas", ademais de cualificar de "auténtico escándalo" as "políticas erróneas e fracasadas de Rueda".
Na mesma liña, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, urxiu "responsabilidades políticas", antes de anticipar que os socialistas pedirán a posta en marcha inmediata dunha comisión de seguimento das medidas incluídas no ditame que, en 2018, saíu do órgano de estudo que traballou na Cámara tras a onda lumes de 2017.
Ao tempo, agregou que os socialistas non descartan acudir á Fiscalía se os resultados da devandita comisión, se se pon en marcha, apuntasen a "neglixencias punibles".
Finalmente, os populares fixeron valer a súa maioría absoluta no Pazo do Hórreo e rexeitaron celebrar un pleno extraordinario no que o BNG pretendía que Rueda presentase explicacións sobre os incendios que calcinaron, segundo os últimos datos s, case 100.000 hectáreas da Galiza
O Grupo Popular sumou 14 votos contrarios á proposta dos nacionalistas, mentres o BNG, PSdeG e o único deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, votaron a favor de que se convocase o pleno, sen éxito.
