O deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento da Galiza Julio Torrado lembrou esta terza feira, tanto nunha intervención na propia Cámara como nas súas redes sociais, o asasinato do ex ministro socialista de Sanidade Ernest Lluch a mans de ETA hai exactamente 23 anos, o 21 de novembro do 2000. Torrado compartiu no seu perfil da rede social X e leu no hemiciclo un artigo escrito por el mesmo no ano 2018, fai cinco anos, no Diario de Arousa rememorando a figura de Lluch e enxalzando a súa capacidade de diálogo.
Isto xerou a reacción do PP da Galiza, que a través da súa conta en X criticou a "melancolía impostada" dos socialistas por denunciar ese atentado mentres "aplauden os pactos de [Pedro] Sánchez con Bildu". Este enfrontamento, iniciado en redes sociais, trasladouse tamén ao pleno do Parlamento galego de hoxe. Durante o debate dunha moción dos socialistas sobre saúde mental, Torrado tentou ler o mencionado artigo.
Diputados del PSOE en Galicia hablando de Lluch con melancolía impostada mientras aplauden los pactos de Sánchez con Bildu 😶 pic.twitter.com/BdlHfYTA4d
— PP de Galicia (@ppdegalicia) November 21, 2023
Con todo, nese momento xerouse un balbordo na bancada dos populares con diversos comentarios. Desde o grupo socialista denunciaron que no hemiciclo escoitáronse berros tales como "a culpa é vosa" ou "pactades cos seus asasinos". Tras esta "algarabía", Julio Torrado parou a lectura —finalizouna nunha posterior intervención— e díxose "moi sorprendido" polo que acababa de ocorrer, porque esperaba que fosen "un pouco máis respectuosos".
"A Presidencia [do Parlamento] vai facer como que non escoitou nada. E creo que fai ben", remachou o socialista, en referencia á vicepresidenta primeira, Elena Candia (PP), que dirixía o pleno. Posteriormente, na súa conta de X, Torrado compartiu o vídeo da súa intervención e denunciou que recibiu "comentarios desmedidos" desde a bancada popular.
Hoxe lembrei no @Par_Gal a Ernest Lluch e estouparon comentarios desmedidos dalgúns deputados/as.
— Julio Torrado Quintela (@juliotq) November 21, 2023
Souben logo que tamén houbo palabras impropias en RRSS por subir un artigo sobre el, que eu escribira hai anos.
Decidín ler íntegro ese texto aí arriba.https://t.co/rNbGRSLeK0
Sobre esta polémica tamén se pronunciou en redes sociais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen advertiu: "En política non todo vale, pero o Partido Popular fai moito tempo que decidiu cruzar todas as liñas de decencia".