Así subirán (novamente) as peaxes da AP-9 en 2023

As tarifas, que se actualizan en función da variación do IPC, incrementaranse en perto de 9%.
Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)

Máis un ano, as tarifas que a compañía concesionaria Audasa cobra aos vehículos que circulan pola autoestrada AP-9 experimentarán unha nova repunta a partir do 1 de xaneiro de 2023, nunha vía que xa se atopa entre as máis caras do continente europeo por quilómetro percorrido.

O importe das peaxes calcúlase cada ano en función do índice de prezos do consumo (IPC), e estímase que no vindeiro exercicio esa suba será, polo tanto, de perto de 8,4%.

Mais a isto cómpre sumar a compensación de 1% que recibe Audasa pola ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago, polo que as portaxes na AP-9 elevaríanse por riba de 9% en comparanza cos prezos actuais.

Deste modo, e a falta aínda de que o Ministerio de Transportes ratifique estes incrementos, o traxecto completo entre Tui e Ferrol superaría xa os 25 euros —só a viaxe de ida—, mentres a ruta Vigo-A Coruña, por exemplo, achegaríase xa aos 20 euros, cun custo duns 19,15 euros.

Desprazarse da Coruña a Santiago de Compostela custará arredor de 7,90 euros, mentres o Vigo-Santiago verá incrementada a súa tarifa en case un euro, deixando o prezo total do traxecto nuns 11,25 euros.

Peaxes durante as obras de Rande

Así as cousas, Audasa terá que devolver 50% do importe da tarifa que cobrou en concepto de peaxe a 21 persoas físicas e xurídicas durante as obras da ponte de Rande, entre 2015 e 2018, ao entender que as obras "impediron un correcto servizo ás persoas usuarias da autoestrada", segundo dispuxo a comezos deste mes o Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña.

Durante o primeiro semestre de 2022, a compañía incrementou os seus beneficios en 73,8%, cun resultado positivo de 21,5 millóns de euros neste período, fronte aos 12,8 millóns que se embolsara no exercicio anterior.

Comentarios