Audasa incrementa os seus beneficios netos máis de 70%

A concesionaria da AP-9 acumula compensacións millonarias por parte da Administración do Estado español.
Ponte de Rande. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera A Ponte de Rande, en Vigo, fai parte da autoestrada AP-9 (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

Autopistas do Atlántico (Audasa), empresa concesionaria da AP-9, vén de remitir os seus beneficios netos á Comisión Estatal do Mercado de Valores (CNMV) durante o primeiro semestre de 2022, cunhas ganancias de 21,5 millóns de euros. 

Estes beneficios por parte de Audasa supoñen un incremento de 73,8% con respecto aos 12,8 millóns que a empresa gañou no mesmo semestre do ano previo.

Deste modo, a concesionaria da AP-9 experimentou unha suba do seu volume de negocio desde 61,4 até 80,1 millóns de euros despois de deixar atrás as diminucións do tráfico nas autoestradas derivadas da crise da Covid, cunhas perdas que a empresa cifrou en 46 millóns de euros e polas que exixiu compensación ao Estado.

Ademais, Audasa percibirá nos próximos meses 13 millóns de euros do Estado español en compensación polo cambio de cálculo coas peaxes suprimidas entre a comarca da Barcala e A Coruña e entre a comarca do Morrazo e Vigo.

Máis compensacións outorgadas a Audasa

Non son as primeiras compensacións que recibe a empresa adxudicataria por parte do Estado español. De feito, o acordo co Estado para a compensación polas obras realizadas pola empresa en Rande contempla que a suba do prezo das peaxes sería dun 1% anual acumulativo nos próximos 20 anos, é dicir, até 2043. 

Esa operación, cuns beneficios estimados de 1.463 millóns de euros, a pesar de que a actuación sobre a ponte foi cuantificada pola propia empresa en 228 millóns, o que significaría uns intereses de 600% do investimento realizado.

Respecto diso, a Comisión Galega da Competencia considerou "excesivas" as compensacións económicas outorgadas á concesionaria da AP-9 polas obras realizadas na infraestrutura, permitindo unha suba das peaxes que xera uns beneficios inxustificados para Audasa.

Comentarios