O BNG propón 32 millóns para 'bolsas anticrise' a estudantes

Demanda a matrícula universitaria gratuíta no próximo curso.
ACTO MOCIDADE_BNG_OURENSE_28M_4
photo_camera Luis Seara, Ana Pontón e Erea Blanco onte en Ourense (Foto: Nós Diario)

Primeira matrícula universitaria gratuíta no curso académico 2023-2024 e bolsas anticrise. Estas son as dúas primeiras medidas que o BNG vai levar ao Parlamento para axudar as familias a sufragar os gastos en educación no actual contexto de crise de prezos, segundo anunciou onte Ana Pontón no Campus de Ourense. A portavoz nacional do BNG explicou que a finalidade é que "ningún mozo ou moza vexa interrompidos os seus estudos por falta de recursos económicos".

"No BNG preocúpanos que a situación de crise económica trunque as expectativas de moita xente moza, porque a mellor inversión que podemos facer como sociedade é investir en educación, un arma poderosa de transformación social", explicou Pontón, nun acto co estudantado no que tamén participaron o candidato nacionalista á Alcaldía ourensá, Luis Seara, e a estudante Erea Blanco. 

Coa escalada de prezos que lastra as economías familiares, o BNG defenderá na Cámara dúas medidas concretas. Por un lado, pór en marcha bolsas extraordinarias anticrise por importe de 32 millóns de euros, destinadas tanto ao ensino obrigatorio como ao universitario.

"Unha bolsa extra para aquelas familias que teñan unha renda per cápita inferior a 12.000 euros, con subvencións de entre 200 e 500 euros", explicou Pontón, "unha axuda importante para salvagardar o dereito á educación". A segunda proposta consiste na gratuidade da primeira matrícula universitaria no vindeiro curso, e para evitar que as universidades perdan ingresos serán compensadas cunha partida específica nos orzamentos da Xunta.

 A líder da oposición recriminou ao PP que non teña adoptado ningunha medida malia a escalada inflacionista. "É lamentábel ver este Goberno arrastrar os pés".

Alternativa para abrir un tempo novo en Ourense

Na cidade das Burgas, a líder do Bloque recalcou o papel da universidade no futuro de Ourense, un Concello, dixo, que precisa un cambio de rumbo do que só o BNG é garantía, porque advertiu que o PP non dubidará en volver apoiar ao "alcalde letal" [en referencia a Gonzalo Pérez Xacome] con tal de manterse no poder.ç

"Fixérono e se volven necesitalo despois do 28-M volverán facelo sen importarlles volver sacrificar Ourense outros catro anos, por iso o BNG é única a garantía de que a dereita, nunha versión ou noutra, non vai gobernar nesta cidade. Dicímolo con toda clareza e coa convicción, ademais, de que temos un proxecto ilusionante que ofrecerlle ás veciñas e veciños, encabezado por Luís Seara", explicou.

Comentarios