Disputa xudicial por Abraham e Isaac

O PP cre que os Franco "deberían asumir" que "non lles corresponde" a propiedade das estatuas do Mestre Mateo

O portavoz do Partido Popular no Parlamento da Galiza, Pedro Puy, considerou esta sexta feira que a familia Franco "debería de asumir que non lle corresponde ostentar a propiedade" de bens como as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo ou o Pazo de Meirás.
O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, acompañado polos viceportavoces (Europa Press)
photo_camera O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, acompañado polos viceportavoces (Europa Press)

"Hai vías máis sinxelas que a xustiza se houbese un pouco de sentido común pero, se non hai sentido común, hai que ir á xustiza, confiar nela e expor ben as cuestións que non son fáciles", manifestou Puy ao ser preguntado polo fallo da Audiencia de Madrid que volve dar a razón á familia do ditador en relación as estatuas de Abraham e Isaac.

A respecto diso, o dirixente popular lembrou que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mostrou a pasada quinta feira a disposición do Goberno galego a "apoiar" ao Consistorio no recurso para "tentar que as figuras sexan devoltas ao seu propietario, que é o Concello de Compostela".

Ademais, tamén mostrou a súa confianza na demanda imposta polo propietario do Pazo de Meirás, que "é a Administración xeral do Estado" tendo en conta que, conforme sinalou, os "expertos que fixeron o informe" entenden que é "un ben que non é susceptíbel de ser apropiado pola familia, nin sequera polo seu uso prolongado no tempo", indicou.

"O último camiño é a xustiza, salvo que lle entrase algo de sentido común á familia que, en relación con estas cuestións, parece que non o ten. Non ten sentido común da historia nin do que significa en termos históricos que determinados bens sexan propiedade dunha familia", sostivo o portavoz popular.

Comentarios