O PP carga contra as manifestacións do 8-M: “Ser feminista non é pórse detrás dunha pancarta”

Paula Prado proclama que a esquerda "non entendeu absolutamente nada"

Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, esta sexta feira, 8 de marzo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, esta sexta feira, 8 de marzo. (Foto: Nós Diario)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, criticou que ser feminista, en referencia á esquerda, "non é" pórse "detrás dunha pancarta", senón "lexislar e investir" en políticas que beneficien as mulleres.

Así o declarou esta sexta feira na clausura do acto 'A igualdade que funciona', organizado polos populares galegos, e que decorreu na sede galega do partido, en Compostela. No mesmo participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, a propia Paula Prado e diferentes candidatas do PP nas pasadas eleccións do 18 de febreiro.

Prado abriu a súa intervención facendo referencia ao lema das Nacións Unidas para conmemorar este día, “Investir nas mulleres, acelera o progreso”. "O que nos gusta no PP é acelerar o progreso, o futuro das mulleres e iso faise investindo en mulleres", enxalzou, á vez que criticou que, ser feminista "non é" pórse detrás dunha pancarta o 8-M, nin "facer un chío" no que se critiquen as políticas de igualdade "polo feito de que veñan do PP".

"A esquerda non entendeu absolutamente nada"

"A estas alturas da película", engadiu, os partidos da esquerda "non entenderon absolutamente nada" xa que a igualdade "é un reto" que leva a todos a traballar por un "futuro mellor para as mulleres e para os homes", en definitiva, "para a igualdade de oportunidades".

Os populares cren que ser feminista significa "traballar, lexislar e investir" en políticas que "benefician as mulleres" os 365 días do ano. "A igualdade que funciona é a que promove o PP", esgrimiu.

"O noso compromiso coa igualdade non se mide nos decibelios dos nosos discursos, senón que se mide no número de medidas que teñas posto en marcha para apoiar a igualdade real e efectiva e para apoiar as vítimas de discriminación ou de violencia de xénero", exaltou.

 

Comentarios