Pontón solicita transferir á Galiza os aeroportos para blindar o seu futuro

O BNG rexeita que continúe o modelo centralista.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Compostela, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Compostela, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O BNG solicitará de maneira formal a transferencia á Galiza dos seus tres aeroportos -Compostela, Vigo e A Coruña- por unha cuestión de "eficiencia, eficacia e planificación de país".

Destacouno así esta segunda feira, en rolda de prensa, a líder da formación nacionalista, Ana Pontón, quen advertiu de que Galiza "non pode permitir que -as tres terminais- perdan peso". Por este motivo, o BNG presentará unha proposición de lei orgánica de transferencia dos tres aeroportos de interese xeral, e espera "que teña a unanimidade da Cámara". De ser así, "suporía un paso moi importante no autogoberno", subliñou. 

A aposta do BNG sería "por un modelo descentralizado como se fai na maioría dos países da nosa contorna”, incidiu logo de alegar que esta proposta é unha cuestión “de sentido común”. Ademais cuestionou que "o futuro tampouco pode ser estar permanente na queixa de que mal o fan desde Madrid”, engadiu en referencia á actitude do Goberno de Alfonso Rueda.

A líder nacionalista considerou que é unha competencia estratéxica para Galiza "polo papel fundamental que xogan nas rutas internacionais de persoas e de mercadorías ademais de ser vitais para atraer investimento, impulsar un turismo de calidade ou facilitar a internacionalización das empresas galegas". 

Modelo centralista

"É hora de que os nosos aeroportos estean ao servizo da Galiza e non do centralismo", sintetizou para recordar que, na actualidade, os galegos e as galegas sofren "un modelo centralista que sitúa o aeroporto de Madrid como eixo central" e confire á rede aeroportuaria galega "un papel secundario".

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG lembrou que no ano 2024, os tres aeroportos galegos tiveron un total de 5,9 millóns de persoas usuarias segundo os propios datos de Aena, unha cifra que é moi similar á da prepandemia e moi lonxe da capacidade que teñen, "xa que poderían acoller case tres millóns de pasaxeiros e pasaxeiras máis".

Comentarios