18-F

Pontón, Rodil, Bará e Presas, as cabezas de lista do BNG para o 18-F

Ana Pontón, candidata á Presidencia da Xunta, apela á “mobilización masiva” do electorado galego para derrotar o PP e que unha muller sexa por primeira vez na historia presidenta do país.
Ana Pontón, Olalla Rodil, Luís Bará e Noa Presas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, Olalla Rodil, Luís Bará e Noa Presas (Foto: Nós Diario).

O BNG fixo públicas esta sexta feira as súas cabezas de lista de cara ás eleccións galegas que terán lugar este 18 de febreiro (18-F). Así, a formación nacionalista mantén as catro persoas que encabezaron cada unha das catro circunscricións nas pasadas eleccións.

Desta forma, Ana Pontón na Coruña, Olalla Rodil en Lugo, Luís Bará en Pontevedra e Noa Presas en Ourense serán as persoas encargadas de liderar as candidaturas nacionalistas que buscan facerse coa Presidencia da Xunta da Galiza após o 18-F. Inmediatamente despois da candidata á Presidencia está nas listas da Coruña a actual deputada Mercedes Queixas.

En xeral, repite a práctica totalidade do grupo parlamentario, con algunhas excepcións por diverso tipo. Por exemplo sae das listas, a petición persoal, Xosé Luís 'Mini' Rivas. Fontes nacionalistas subliñaron que todos os nomes foron ratificados polas súas respectivas asembleas. A Executiva Nacional do BNG, que se reuniu nas últimas horas, foi a encargada de elaborar e ordenar os nomes para a formalización das candidaturas, que deberán ser ratificadas este sábado no Consello Nacional da formación.

"Valorouse dunha maneira absolutamente primordial a enorme experiencia que teñen os deputados e o traballo extraordinario de oito ou catro anos nas súas respectivas áreas", explicaron estas fontes, que subliñan que, con esa mochila, é coa que consideran que é un grupo "preparado" e listo para formar parte do goberno da Xunta.

"Mobilización masiva"

Pontón, candidata á Presidencia da Xunta, apelou á “mobilización masiva” do electorado galego para derrotar o PP e que unha muller sexa por primeira vez na historia presidenta do país. Fíxoo esta cuarta feira nun acto con 300 representantes municipais do Bloque.

“Hai partido e saímos a gañalo, saímos a por todas sabendo que o 18-F só hai dúas alternativas: un Goberno do PP co candidato Rueda como presidente, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental, ou un Goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para pór en marcha a Galiza en grande e que sempre lle vai dicir a verdade aos galegos e ás galegas”, proclamou Pontón.

"Redobrar esforzos"

Nesta liña, Pontón pediu aos representantes institucionais da formación "redobrar esforzos" e manter a "mesma implicación e emoción e a mesma forza que se fosen unhas eleccións locais". "Pido que chamemos a cada porta, que nos paremos con todo o mundo, con cada veciña e veciño, coa man estendida e cun sorriso na boca, para convencer a quen teña dúbidas, para que ningún voto que quere cambio fique na casa", apelou.

Pontón destacou durante a precampaña que os do 18 de febreiro non son uns comicios máis, senón as eleccións máis importantes e abertas dos últimos 14 anos, "as do cambio galego, porque hai unha maioría social que está cansa de ir cara a atrás, cansa de perder oportunidades, cansa de retroceder".

"Quero dirixirme especialmente ás persoas que están desencantadas coa política, ás que están escépticas ou que baixaron os brazos cansas de tanta crispación inútil que se ve na política estatal. A todas esas persoas quero pedirlles que confíen no BNG, que confíen en min, porque estou preparada para facer as cousas ben, para mellorar as súas vidas, para darlles o mellor Goberno de todos os tempos", argumentou a líder nacionalista.

Comentarios