“Gobernemos nós a nosa terra”: Pontón apela en Rianxo a "cumprir o soño de Castelao"

O BNG arranca a campaña electoral cara o 18 de febreiro en Rianxo nun grande acto de homenaxe a Castelao

Ana Pontón, este domingo, en Rianxo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, este domingo, en Rianxo. (Foto: Nós Diario)

A homenaxe a Castelao no aniversario do seu pasamento co que tradicionalmente o BNG abre o curso político converteuse nesta ocasión nun grande acto de arranque de campaña cara á cita electoral do 18-F, porque “nin estamos ante un inicio de curso máis, nin estas son unhas eleccións máis”, salientou na súa intervención a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón.

Ao contrario, subliñou, estas son as primeiras eleccións en catorce anos “cuxo final non está escrito de antemán”, senón que a escolla é entre dúas alternativas: “Un Goberno do PP co candidato Rueda como presidente, que nos deixa unha Galiza máis pequena; ou un Goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para pór en marcha unha Galiza en grande”.

Pontón pediu á militancia “ser unha soa voz coa que chegar a cada recuncho do País” para explicar que é posíbel superar un Goberno “incompetente” que deixa un País peor do que encontrou.

Crise dos pellets

Para o BNG, a xestión da catástrofe dos pellets de plástico é unha mostra desa incompetencia do PP, “que tanto nos recorda ao xa pasamos con outras mareas negras neste País, un Goberno galego e un Goberno estatal deixando soa á xente do mar que está indo ás praias a limpar, hoxe mesmo, e deixando só os Concellos que non teñen medios nin recursos e por riba manipulando á opinión pública”, denunciou Pontón.

Neste sentido, a líder do Bloque destacou que non estamos só ante unha marea de plástico, senón ante “unha nova marea da mentira e da ocultación do PP que temos que derrotar nas urnas, derrotar nas urnas a mentira e a incompetencia”, subliñou desde Rianxo.

Pontón apelou a pór en marcha un cambio liderado polo Bloque para “converter as ideas en feitos”, dixo citando Castelao. “Fronte a un PP esgotado e sen ideas, falamos dun país produtivo que cun goberno do BNG rexenerará as rías; falamos de máis calidade de vida, e para iso poremos en marcha nos cen primeiros días” do Goberno do BNG “un plan de choque en Atención Primaria ou falamos de pór a enerxía ao servizo do País”, salientou.

“Récord” de competencias traspasadas

A candidata nacionalista, lonxe de dar nada por feito, pediu mobilizarse e instou a militancia do BNG a falar “coa man tendida” a esa maioría social que quere cambio e que ve na formación nacionalista “a súa alternativa, o seu referente para gañar un País mellor”, pasando a páxina dun PP que nos deixa unha Galiza que perde, tamén en autogoberno tras o “récord histórico” de cero novas competencias en catorce anos.

Ana Pontón e Rosana Pérez, este domingo na homenaxe a Castelao en Rianxo. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón e Rosana Pérez, este domingo na homenaxe a Castelao en Rianxo. (Foto: Nós Diario)

“Estamos ante o PP do non ao autogoberno, que vota en contra até de que se cumpra o actual Estatuto, e aínda teñen a cara dura de botarlle a culpa ao BNG de non ter máis transferencias, como fan coa AP-9”, denunciou. “Parafraseando a Castelao, aí temos aos dous de sempre, facendo o de sempre: votar unha cousa aquí e facer a contraria en Madrid”, ironizou.

Gobernemos nós a nosa terra

Pontón presentouse en Rianxo como a candidata de todas as persoas que queren unha Galiza mellor, “votasen o que votasen noutras eleccións”, porque “hai moitas maneiras de sentirse galego e galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”.

“Teño a certeza de que temos ao alcance da nosa man facer historia, de que imos liderar o Goberno do cambio porque somos unha forza humilde pero digna, porque somos unha forza de fiar, que non lle vai fallar nin a Galiza nin a súa xente”, recalcou, ao tempo que pedía á militancia renovar esforzos para facer realidade o soño que proclamaba Castelao, o de “gobernemos nós a nosa terra” a partir do 18-F “facendo historia cunha presidenta do BNG”.

Comentarios