18-F

Pontón apela á "mobilización masiva" nun acto con 300 representantes municipais

O BNG engraxa a 'maquinaria' municipal de cara ao 18 de febreiro.
Ana Pontón xunto a representantes municipais do BNG, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón xunto a representantes municipais do BNG, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, fixo esta terza feira un chamamento á “máxima mobilización” porque, asegurou, estamos diante das eleccións "máis importantes" dos últimos tempos e porque “hai partido”  de cara a unha cita na que o BNG "é a única alternativa real ao Partido Popular".

“Hai partido e saímos a gañalo, saímos a por todas sabendo que o 18-F só hai dúas alternativas: un Goberno do PP co candidato Rueda como presidente, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental, ou un Goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para pór en marcha a Galiza en grande e que sempre lle vai dicir a verdade aos galegos e ás galegas”, proclamou Pontón.

Diante de case trescentas representantes do ámbito municipal do BNG que se reuniron esta terza feira na capital galega, a candidata da formación nacionalista asegurou que “hai unha maioría social que ten fame de cambio”, unha “gran corrente que non deixa de medrar” e que fai que “nunca tiveramos tan perto a Presidencia da Xunta para transformar a Galiza para mellor”. “Teño o absoluto convencemento de que imos derrotar o PP”, afirmou.

"Redobrar esforzos"

Nesta liña, Pontón pediu aos representantes institucionais da formación "redobrar esforzos" e manter a "mesma implicación e emoción e a mesma forza que se fosen unhas eleccións locais".

"Pido que chamemos a cada porta, que nos paremos con todo o mundo, con cada veciña e veciño, coa man estendida e cun sorriso na boca, para convencer a quen teña dúbidas, para que ningún voto que quere cambio fique na casa", apelou.

Así, advertiu que o "papel" de Alcaldías e representantes locais é crucial porque "son a cara máis próxima á veciñanza", ademais da "mellor representación do BNG".

Comentarios