BNG pide ao PP que rectifique e pare a “cacicada” da moción de censura en Pontecesures

Ana Pontón sitúa Alfonso Rueda detrás desta "manobra". A actual alcaldesa, Cecilia Tarela, fixo un chamamento á veciñanza para que acudan ao pleno e deixar claro o seu desacordo coa moción.

ANA PONTON REUNION ALCALDEAS PONTECESURES

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o total apoio do BNG á alcaldesa de Pontecesures, Cecilia Tarela, en vésperas da moción de censura impulsada polo PP e detrás da cal Pontón sitúa a Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. “A moción é unha cacicada do señor Rueda, a súa carta de presentación na provincia como presidente do PP en Pontevedra, el é o artífice dunha moción de censura para afastar do goberno a unha alcaldesa traballadora, honrada e decente, e impoñer os intereses do Partido Popular”, dixo a portavoz nacional nacionalista, que mantivo un encontro coa rexedora, xuntanza na que tamén estiveron presentes Goretti Sanmartín e Noa Presas, da Executiva nacional.

O BNG pide a Rueda que rectificar en aras da “decencia política e da democracia”. “Reclamamos ao PP, e moi especialmente ao señor Rueda, que paren esta cacicada que pon os seus intereses por riba dos intereses dos veciños e veciñas de Pontecesures”. “No BNG entendemos que en política non vale todo, é necesario que haxa decencia e que haxa respecto polo que vota á cidadanía”, subliñou a portavoz nacionalista, -

Chamada á veciñanza

Cecilia Tarela, actual alcaldesa nacionalista de Pontecesures, fixo un chamamento á veciñanza do concello para que exprese o seu rexeitamento a moción do PP. “Convidamos a todos os veciños e veciñas a que veñan ao pleno do luns para deixar claro coa súa presenza que non están de acordo co que se vai consumar”.

Comentarios