Pontón pide "galeguizar" a campaña do 23-X fronte ao "bipartidismo"

O BNG di que é a única opción co centro na Galiza
BNG en vigo
photo_camera Ramón Nicolás, Xabier P. Igrexas, Ana Pontón e Carme da Silva (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu "galeguizar" a campaña electoral de cara ás eleccións do 23-X, fronte a quen están "interesados" en reducila a "un xogo a dous", e insistiu en que só o nacionalismo pode garantir a defensa da "axenda galega" en Madrid.

Así o trasladou na presentación das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado pola circunscrición de Pontevedra, nun acto no centro de Vigo no que Pontón volveu facer un chamamento á cidadanía para que vote "coa cabeza e o corazón", e para conseguir que, na próxima lexislatura, "haxa un grupo galego forte" nas Cortes.

Insistiu en que a Galiza "xógase moito" o 23-X, e que unha representación forte dos nacionalistas permitirá seguir traballando, entre outras cuestións, por unha AP-9 galega e libre de peaxes ou polo saída sur ferroviaria de Vigo.

"Queremos ser determinantes, como os vascos ou os cataláns, que os galegos nos fagamos respectar. Non queremos privilexios, pero si un trato xusto", proclamou. Respecto diso, reiterou que o BNG foi nos últimos anos, "cun só deputado" (Néstor Rego) máis "útil" que os outros 22 deputados galegos, e subliñou que a Galiza xa coñece o comportamento dos representantes de partidos estatais, "que van a Madrid e esquécense da Galiza".

A número un do BNG por Pontevedra ao Congreso, Carme da Silva, defendeu que o nacionalismo "transmite coherencia e confianza" porque "cumpre o que di", e sinalou que "canta máis forza" teña o BNG nas Cortes, "máis gañarán a Galiza e Vigo".

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, o concelleiro Xabier Pérez Igrexas, lemb

rou que o "bipartidismo" insistiu ao longo dos anos na súa "desatención" á Galiza e á cidade de Vigo, algo que se repetiu tamén co último Executivo. Recalcou que o BNG garante "defender o mesmo na Galiza, en Madrid ou en Bruxelas" e esa defensa "non está condicionada por quen ocupe a Moncloa", e fixo un chamamento para que Vigo sexa "o motor do cambio que asegure un grupo do BNG forte en Madrid".

Comentarios