O debate dos OXE2017

Pontón pide a Feijóo que tome nota da actitude do PP valenciano e se plante ante Rajoy

Os orzamentos do Estado para Galiza son os máis baixos desde 2004 (se axustamos as contas á inflación, serían os máis baixos desde 1996). A resposta de Feijóo é criar unha comisión de seguimento. Ana Pontón pídelle que cambie de táctica, tome nota da posición do PP de Valéncia e se plante ante Rajoy.

ANAPONTON2 (1)
photo_camera Ana Pontón, de reparto por Compostela

Todas as forzas políticas valencianas, incluído o PP, na oposición, asinaron un documento en que cualifican de discriminatorio para a súa comunidade autónoma o proxecto de orzamentos do Estado. Feijóo, en troca, saíu a defendelos, parapetándose, iso si, tras o proposta da criación dunha comisión de seguimento das contas.

"Seguimento de que? Do recortazo de 442 millóns de euros?", perguntouse con ironía esta sexta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou, nas rúas de Compostela, nun reparto de material informativo sobre as bondades do modelo do concerto económico para Galiza.

A comisión sería, a xuízo das e dos soberanistas, unha manobra de distracción. O que debería facer Feijóo, entende Ana Pontón, é ser valente e plantarlle cara a Rajoy "en defensa dos intereses deste país, como fai a súa homóloga en Valéncia, por exemplo, que xa dixo non a estes orzamentos".

A líder nacionalista lembra que Feijóo é o líder do partido con máis parlamentares galegos no Congreso e repróchalle que non faga nen o menor aceno político para pór esa representación ao servizo dos intereses da Galiza. “Unha soa deputada de Coalición Canaria chega para que haxa un incremento dos investimentos nese territorio, por iso retamos a Feijóo a que poña Galiza por diante na defensa dos nosos intereses e que lle diga aos representantes galegos, incluída a Ana Pastor, que digan que non aceptan un recortazo que cercena proxectos importantes como a modernización do ferrocarril, o saneamento das rías e a creación de emprego”, afirmou a portavoz nacional do Bloque.

Comentarios