Pontón pide ao Goberno español que abandone a "ambigüidade" sobre Altri e avisa que o proceso na Xunta "non está rematado"
Acusa Rueda de traballar para as "empresas amigas do PP" e chama á mobilización "masiva" convocada para este sábado na Pobra do Caramiñal contra "unha planta que ameaza de morte o rural e o mar" ademais de "eucaliptizar" o país.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o Goberno do Estado a renunciar á súa postura de "ambigüidade" sobre a planta que a pasteira lusa Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa), á vez que advertiu que o proceso administrativo que depende da Xunta da Galiza "aínda non está terminado" malia ao pronunciamento favorábel a que a súa tramitación siga adiante ao entender desde o Executivo galego que o proxecto cumpre coas esixencias desde o punto de vista ambiental.
Un día despois das manifestacións que volveron percorrer unha ducia de concellos da bacía do Ulla, ademais doutras localidades contrarias á macrocelulosa, Pontón puxo o acento en que a tramitación administrativa do proxecto por parte da Xunta non está concluída e que faltan aínda "pasos" cara á "aprobación definitiva" ao estar pendente "a avaliación ambiental integrada" e a "autorización para a concesión de augas".
"Bomba ambiental"
Nunha rolda de prensa no Parlamento da Galiza, a líder do BNG asegurou que "a Xunta segue tendo no seu tellado a pelota sobre o que vai facer respecto desta bomba ambiental que está a pór en risco, non só o noso modo de vida, o noso territorio, 8.000 postos de traballo directo... senón, sobre todo, que modelo de futuro queremos para Galiza". Ademais, subliñou que Altri "non é un modelo de futuro, é unha industria contaminante do pasado". "E iso non o queremos", apostilou.
Pontón chamou a participar na mobilización do próximo sábado na Pobra do Caramiñal (O Barbanza) contra a iniciativa da pasteira portuguesa e a compañía Greenalia, porque a Xunta "segue tendo responsabilidades" e porque entende que o Goberno estatal ten que dicir "claramente" que "non vai dar" os 250 millóns de euros que pide Altri para a súa planta na Ulloa.
Empresas "amigas"
E é que, ademais de na Xunta de Alfonso Rueda que vén "traballando" para as "empresas amigas" do PP, Pontón tamén pon o foco no Executivo español, que ten que "saír da ambigüidade" que, di, mantén sobre a planta de Altri. "Vai seguir o que lle está pedindo o señor Rueda, que é dar 250 millóns de euros a una empresa portuguesa para que contamine o noso País, ou vai escoitar á cidadanía galega que onte mesmo [domingo, 16 de marzo] volveu saír a dicir alto e claro que queremos futuro e non queremos industrias contaminantes?", cuestionou.
"A macrocelulosa de Altri que nos quere impor o Partido Popular implica a destrución do noso medio natural, na terra e no mar", incidiu Pontón, que advirte da "ameaza" que supón, ao seu xuízo, o proxecto para a produción de comarcas agrogandeiras e pesqueiras, e que converte Galiza "nun eucaliptal". "Ou o que é o mesmo, converter Galiza en pasto dos incendios", engadiu.
"Todo isto", segundo Pontón, porque Alfonso Rueda "traballa para as empresas amigas do PP" como Altri e Greenalia, onde exerce como directiva a ex conselleira Beatriz Mato. "Non llo imos permitir, nin o BNG nin os galegos e galegas coa súa mobilización nas rúas para defender a dignidade e o futuro fronte a un PP empeñado en vender Galiza a prezo de saldo, levando todo por diante", concluíu.

