"É a multinacional quen dicta a política forestal da Xunta"

Pontón pergúntase se Feijóo non aspira "tamén el" a sentar no consello de administración de ENCE

ENCE atacou a líder do BNG co epíteto de "maliciosa" por cuestionar o papel do eucalipto na Galiza. Pontón respondeu esta segunda feira cunha convocatoria xornalística fronte ás mastodónticas instalacións da pasteira, na ría de Pontevedra. "A política forestal da Xunta non a pode decidir ENCE desde o seu consello de administración comprando vontades con ex altos cargos do PP", dixo a dirixente nacionalista.

 

PONTON SEDE ENCE2 (1)
photo_camera Félix Juncal, Ana Pontón, Luciano Sobral e Eva Villaverde

Se hai un exemplo de portas xiratorias no país ese é o complexo ENCE-PP, veu argumentar a líder do BNG coa súa comparecencia perante a sede da pasteira, un acto en que estivo acompañada dos alcaldes de Bueu -Félix Juncal-, Poio -Luciano Sobral-, a deputada provincial nacionalista e integrante da Executiva Nacional do Bloque Eva Villaverde e o responsábel comarcal da organización frentista en Pontevedra, Demetrio Gómez

Portas xiratorias porque no consello de administración de ENCE teñen cadeiras, por exemplo, o ex conselleiro de Meio Ambiente Carlos del Alamo, a ex ministra do mesmo ramo Isabel Tocino e o ex secretario de Estado de Augas e Costas, Pascual Fernández Martínez. Todos eles con carnet do Partido Popular.

“A política forestal non a pode decidir ENCE desde o seu consello de administración comprando vontades con ex altos cargos do PP, porque o país precisa un cambio forestal, e desde o BNG tendemos a man para que ese cambio se produza”, dixo Pontón, en alusión á oferta de diálogo que fixo ao presidente da Xunta -unha carta por escrito aínda non contestada desde Monte Pío.

Non ten excesiva expectativa o BNG de que Feijóo vaia recoller esa luva, e nese sentido Pontón espetou: "O grave é que semella que a única man que quere coller Feijóo é a de ENCE, non sei se porque aspira tamén el a acabar sentado nese consello de administración”.

A líder do BNG cualificou as críticas verquidas contra ela por ENCE -a multinacional chamou a dirixente nacionalista "maliciosa"- de "pouco amigábeis" e mostrou o seu abraio pola campaña de imprensa despregada pola compañía para tentar persuadir a opinión pública galega do carácter inocuo da invasión do monte galego por parte das plantacións do eucalipto. "Converter Galiza nun grande eucaliptal é converter o noso monte nun polvorín", acrecentou Pontón.

"A súa tese [de ENCE] é que os eucaliptos son cortalumes, o que ten a mesma credibilidade que escoitar a Bárcenas dicer que os sobres en B son unha maneira de loitar contra a corrupción. Será unha teoría desenvolvida por algúns dos grandes expertos medio ambientais que sentan no consello de administración como a ex ministra do PP Isabel Tocino, ou o ex conselleiro de PP Carlos del Álamo, os únicos que ven no eucalipto un antídoto contra os lumes”, declarou a líder do Bloque.

A quen lle interesa que Galiza sexa un eucaliptal?

Só a ENCE, argumenta Ana Pontón. "Ese non é o modelo que lle interesa ao país porque perdemos oportunidades, capacidade de crear riqueza e emprego e poñemos en risco o territorio". "Por moito que lle moleste á dirección da pasteira, desde o Bloque imos seguir dicendo as verdades, do que significa unha política forestal ao servizo dunha multinacional que contamina a ría de Pontevedra e hipoteca o monte", concluíu.

Comentarios