28-M

Pontón insta a mocidade a ser "motor de cambio" o 28-M

A voceira do Bloque censura que nin Feixoo nin Rueda tivesen un minuto de romaría para pedir a dimisión de Baltar: "Ou non poden ou aceptan o seu comportamento".
Ana Pontón na Laracha, canda a Xosé Regueira e Carolina Castiñeiras. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón na Laracha, canda a Xosé Regueira e Carolina Castiñeiras. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de presentación da candidatura do BNG na Laracha, encabezada por Carolina Castiñeiras, unha candidatura que combina "experiencia e renovación e que inclúe moita xente moza", a quen interpelou a líder do Bloque.

"Quero facer un chamamento á mocidade de cara ao 28 de maio para que sexa factor de cambio e de transformación para conseguir concellos con máis oportunidades, para que participe activamente para gañar unha nova Galiza, concello a concello, que deixe de expulsar os seus mozos e mozas". 
Pontón apelou a facer da Galiza "un país para a xente nova", necesitado do seu "potencial e capacidade", explicou.

"Unha mocidade que tamén se xoga moito e que ten dereito a que este país lle ofreza oportunidades de futuro para quedarse, porque Galiza non pode avanzar sen a súa xente moza", recalcou.

Vivenda

Parte dese futuro, asegurou, pasa polo acceso á vivenda, imprescindíbel para poder emanciparse e formar os proxectos de vida. "Pero o que temos é un Goberno do PP que dinamitou a política de vivenda protexida mentres os prezos non deixaban de medrar, ano tras ano. Temos un presidente da Xunta desconectado da realidade da mocidade con 16.500 galegos e galegas esperando por unha vivenda protexida".

A voceira do BNG acusou o PP de gobernar para unha "unha minoría". "Por iso entre 2014 e 2018 só puxo unha vivenda protexida en aluguer, mentres os prezos subiron de media un 30% nas cidades".

Fronte a esta política, o BNG defende a creación de vivenda protexida "sobre todo en alugueiro" e aposta, dixo, por mobilizar o parque de vivenda baleira "para que os mozos e mozas poidan emanciparse e ter un futuro".

Baltar

A portavoz nacional volveu referirse ao caso Baltar e ao silencio absoluto que mantiveron tanto Rueda como Feixoo sobre o feito de que o presidente do PP en Ourense, e tamén presidente da Deputación, fose multado por conducir en coche oficial a 215 quilómetros por hora, incorrendo nun presunto delito contra a seguridade viaria.

"Na romaría do PP nin se falou de vivenda, nin se falou de Baltar. Feixoo e Rueda non tiveron nin un minuto para desculparse ante os galegos e as galegas, nin para esixirlle responsabilidades, nin para pedirlle a dimisión, e o que nos preguntamos é se o señor Baltar manda máis que Feixoo e Rueda e sepor iso calan e miran para outro lado ante uns feitos".

A situación é "insostíbel" para Rueda, concluíu, que debe esixir a dimisión do presidente do PP de Ourense. 

Comentarios