O prezo do aluguer é un 10,5% máis caro que na burbulla inmobiliaria

O Congreso aproba a Lei polo Dereito á Vivenda.
O prezo por metro cadrado sitúase en 8,12 euros (Foto: Antonio Herrera).
photo_camera O prezo por metro cadrado sitúase en 8,12 euros (Foto: Antonio Herrera).

O custo da vivenda en aluguer volveu alcanzar o prezo máximo histórico ao situarse actualmente nos 8,12 euros por metro cadrado ao mes. "Esta situación, que vén repetíndose desde 2022, levou o prezo non só a bater récords, senón a superar o custo rexistrado durante a burbulla inmobiliaria de 2007 en 10,5%", segundo Fotocasa.

Neste contexto, o pleno do Congreso estatal aprobou esta quinta feira o proxecto de Lei polo Dereito á Vivenda. A ministra española de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, que defendeu a nova norma, indicou que até o momento a vivenda convertérase nun "gran negocio" construído baixo o "consenso do pelotazo e da especulación".

Ademais, a ministra española, principal impulsora da nova lei, denunciou que a vivenda en aluguer chegou a ser unha "máquina de extraer recursos" ás "clases populares" e á "xente máis humilde".

Por parte do PP, que votou en contra da lei, a deputada Ana María Zurita Expósito dixo que a lei só favorece os 'okupas' e advertiu de que a norma "caerá" ante o primeiro recurso de calquera Goberno autonómico polo asunto competencial.

Ademais, Zurita denunciou que a propiedade privada será sometida a "máis obrigas" que as entidades públicas de vivenda. Por todo iso, a deputada do PP advertiu que a norma terá "moitos efectos indesexábeis".

O deputado do BNG, Néstor Rego, que se abstivo na votación, considerou que existiron "avances" durante a negociación mais que foron "insuficientes". En consecuencia, Rego cualificou a lei como “máis efectista do que efectiva” á hora de garantir o dereito a unha vivenda digna.

A norma, dixo Rego, "é insuficiente e fica curta naqueles aspectos en que si podía entrar a regular, á vez que se excede nas súas competencias facendo que gran parte do seu contido sexan meras recomendacións".

O texto contou co voto a favor de PSOE, Unidas Podemos, ERC, Bildu, Más País, Compromís, Partido Rexionalista de Cantabria e Teruel Existe, mentres que o BNG abstívose. Votaron en contra PP, Vox, Cs, Foro Asturias, PNV, Junts, PDCat, CUP e Coalición Canaria.

Comentarios