Baltar advirte que “non” dimitirá

O presidente da Deputación de Ourense, o popular Manuel Baltar, foi incapaz de xustificar o motivo da súa visita a Madrid en coche oficial.

José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar, esta sexta feira, 28 de abril, presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, advertiu esta sexta feira que “non” dimitirá do seu posto após ser cazado a 215 km/h na autovía á altura de Zamora. Baltar insistiu en que se trata dun feito “illado”, se ben recoñeceu outras tres multas nos últimos anos e que o coche oficial da entidade provincial acumula dez sancións no último período.

Aínda que non puido ser debatida a moción de urxencia que presentou o grupo do PSdeG, ao ser rexeitada a urxencia, o presidente provincial si tivo que responder as preguntas formuladas por BNG e PSdeG sobre a multa administrativa xa abonada e o procedemento penal por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Baltar insistiu en que “foi un erro illado” que se debeu a “un despiste” nunha “longa recta sen referencias, polo que non dimitirá”.

Os socialistas interpelaron o presidente con 15 cuestións relacionadas con estes feitos. En concreto, consultaron os motivos da viaxe, a ausencia do chofer oficial, que persoas viaxaban no vehículo, os xustificantes de hospedaxe e das autopistas de Madrid e tamén “cal foi o motivo polo que o seu Goberno non identificou un condutor ou condutora do mesmo vehículo ante unha sanción imposta en setembro de 2021 en Lugo”.

O presidente provincial trasladou que se desprazou a Madrid o domingo porque na segunda feira tiña previsto un encontro de xestión ordinaria como presidente da Deputación de Ourense e alegou que, entre outras persoas, reuniuse co xerente da Fundación Democracia e Goberno Local.

Así, subliñou que “si” era unha viaxe oficial e que, como “funcionario” público, conduce “desde hai moitos anos coches oficiais en desprazamentos para abordar temas institucionais”. Non obstante, evitou dar explicacións sobre onde durmiu, porque dixo que se trababa dun asunto “privado”, se ben recoñeceu que non foi en Madrid.

Vida privada

O presidente provincial asegurou que non viaxaba acompañado e que tampouco hai xustificantes de hospedaxe en Madrid. Desta maneira, eludiu dar máis detalles por “tratarse esta cuestión dunha pregunta que afecta” á súa “vida privada”. A isto agregou que “non se repercutiron cargos nin dietas”.

Baltar defendeu que asumiu “o erro” facendo fronte ao abono da sanción administrativa. Nas súas respostas recoñeceu que tivo outras dúas sancións, as cales enmarcou en 11 anos de cargo público, e admitiu que os coches oficiais recibiron outras sete multas (unha delas sen que se identificase a persoa que o conducía).

Comentarios