28-M

Pontón e Lores chaman a "seguir a avanzar e ilusionar" en Pontevedra

O BNG quere impulsar un "novo ciclo" para a cidade.
No centro da imaxe, Eva Vilaverde, Ana Pontón, Miguel Anxo F. Lores e Marta Gómez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro da imaxe, Eva Vilaverde, Ana Pontón, Miguel Anxo F. Lores e Marta Gómez. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compartiu esta sexta feira mitin co alcalde e candidato naciomalista Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra, cidade que colocou como, "exemplo" de como o BNG é capaz de "sumar ao seu modelo municipal a cada vez máis amplas capas da sociedade, transformar e facer avanzar un concello, unha cidade".

 "Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca, vexo en Lores e nas persoas da candidatura ilusión e entusiasmo desbordante", manifestou Pontón. A clave dese entusiasmo, "é o seu amor a Galiza e a Pontevedra", dixo, que " pensan Pontevedra en grande, igual que eu penso unha Galiza en grande e o meu soño é facer realidade esa Galiza en grande como se está a facer en Pontevedra". A líder nacionalista instou a mobilizarse, a non perder ningún voto a favor de Pontevedra, "porque nada está gañado, todo está por gañar.

Lores 

Pola súa parte, o rexedor e alcaldábel do BNG indicou que quere "abrir unha nova etapa en Pontevedra". "Preséntome porque estou no mellor momento da miña vida política, coa serenidade e o coñecemento que da a experiencia, pero con máis ilusión que nunca para esta nova etapa, este novo ciclo a 8-10 anos".

"Fronte ás outras forzas políticas que propoñen frear o avance e  dar abertamente unha volta atrás no modelo, o BNG propón máis modelo Pontevedra, máis avanzar cara o futuro, máis por vir. Propón avanzar na Pontevedra do futuro, con actuacións moi ambiciosas, pero realistas e con coñecemento da súa viabilidade e das súas consecuencias, avanzar con solucións xenuínas e adaptadas a nosa realidade", explicou.

Vivenda e feminismo

A portavoz nacional inicio a xornada de campaña desta sexta feira en Vigo e Cangas. Na cidade viguesa explicou a proposta para crear un banco galego de vivenda para xestionar os inmóbeis baleiros e fomentar o seu aluguer a prezos asumíbeis pola maioría.  A seguir, a líder nacionalista cruzou a ría de Vigo para participar en Cangas nun acto coas candidatas á Alcaldía nos concellos do Morrazo, maioritariamente mulleres. Un acto no que se rendeu homenaxe a Xermana Lima, histórica militante de 94 anos,  "referente e exemplo", destacou Pontón.

Tamén esta sexta feira, o BNG formalizou en Ourense a querela contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome, por un delito de falsidade documental pola multa do seu coche en Vigo.

Comentarios