Ponton insta a Xunta a actuar con “máis celeridade” nas residencias para “frear a cadea de contaxios”

Ana Pontón durante a videoconferencia con sanitarios e persoal de servizos socais (BNG).
photo_camera Ana Pontón (BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "necesidade" de que o Goberno galego faga "partícipe" aos partidos da oposición das "decisións" que se tomen nesta crise sanitaria, sobre todo para o "control do virus" e de "ámbito económico".

Despois da reunión que Feixoo mantivo cos líderes da oposición, Pontón reclamou que estes encontros "teñan maior calado" e sirvan para "algo máis que informar do que se trata" no encontro semanal entre os presidentes autonómicos e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

Cre que "o Goberno galego debe corresponder" ao "exercicio de lealdade" que está a demostrar a oposición e por iso pediulle articular un "mecanismo que permita anticipar e participar" nas decisións que tome a Xunta para "controlar o virus" e de "ámbito económico".

De feito, Ana Pontón destacou varios "aspectos fundamentais" que neste encontro dominical a líder nacionalista lle trasladoua Feixoo. Precisamente en relación coa economía, insistiulle en que "se atenda ás persoas autónomas, se poña en marcha un peche do plan de marisqueo con compensacións para traballadores" e se traballe pola "creación dun fondo extraordinario que permita reorientar a actividade económica".

Residencias, sanitarios e educación

Por outra banda, tamén instou a que a Xunta "actúe con máis celeridade nas residencias de maiores", xa que as medidas implantadas para "frear a cadea de contaxios" chegaron de forma "tardía" e foron "insuficientes".

Neste sentido, aposta por que a administración autonómica "tome o control" e "poña en marcha un plan de permita frear a cadea de contaxios".

En canto ás profesionais sanitarias, sostén a necesidade de "acabar coa precariedade" e que "todas as persoas que se contraten" para traballar durante a crise do coronavirus, deben "contratarse nunhas condicións dignas e estábeis" e dotalos de "maior capacidade de actuación".

Por último, Pontón tamén apuntou a "preocupación" que esperta no seu partido que "a estas alturas non se saiba que vai pasar coas oposicións" nin "cal é o horizonte do curso escolar". Neste asunto, instou a Feijóo a que se reúna cos sindicatos galego para "clarificar como se producirá este fin de ano escolar".


 

Comentarios