Pontón critica que os líderes estatais fagan dos comicios galegos un “ensaio de terceiras eleccións”

A candidata do BNG á Xunta considera que debería darlles “vergoña vir agora a dicirnos os galegos e galegas que o que está en xogo é derrotar a Rajoy” cando “lle regalaron unha vida extra”.

Pontón durante o mitin en Pontevedra (Foto: BNG)
photo_camera Pontón durante o mitin en Pontevedra (Foto: BNG)

Ana Pontón criticou esta terza feira a actitude dos líderes estatais durante a campaña das galegas porque considera que non estamos ante un “ensaio xeral para unhas terceiras eleccións no Estado, estamos decidindo o novo goberno e o noso futuro”. Con estas palabras, a candidata do BNG á Xunta fixo referencia á intensa axenda das cabezas visíbeis das forzas de ámbito estatal, que nos últimos días acompañan ás distintas candidaturas galegas nos seus actos.

Pontón sinalou que as forzas de ámbito estatal “xogaron con moita irresponsabilidade e coa confianza dos galegos e galegas que os votaron” e engadiu que “deberían explicarlle aos cidadáns porqué cando podían derrotar a Rajoy regaláronlle unha vida extra” confundindo os acordos cun “xogo de tronos ou unha partida de póker”. 

A aspirante nacionalista manifestou que “debería darlles vergoña vir agora a dicirnos os galegos e galegas que o que está en xogo é derrotar a Rajoy”, para que o lles pediu que “predicaran co exemplo”, preguntada polos xornalistas durante un almorzo informativo celebrado na Coruña.

“Baltar non pode seguir ao fronte da Deputación de Ourense”, afirmou a candidata nacionalista.

Tamén fixo mención o compromiso da fronte contra a corrupción, fronte ás políticas do PP.  “Baltar non podería seguir ao fronte da Deputación de Ourense”, dixo en relación á imputación, cualificando as gravacións do presidente provincial como “bochornosas”. Pontón preguntou que razóns ten o candidato dos populares galegos para non destituílo, e ironizou sobre a posibilidade que “Baltar sexa a Rita Barberá de Feijóo”.

“Ence é unha proba de que a corrupción está no DOG e no BOE”

A candidata do BNG participou a pasada segunda feira no mitin central en Pontevedra –acompañada do  lado do cabeza de lista pola provincia, Luís Bará, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores– onde reclamou como exemplo da súa proposta a xestión dos nacionalistas na cidade. Pontón recordou a prórroga de Ence aprobada polo goberno en funcións, que considerou “ilegal e inmoral” e “unha proba de que a corrupción está no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE)". A candidata do BNG reafirmou o seu compromiso para retirar do litoral pontevedrés a factoría. 

Comentarios