23-X

Pontón chama a votar "coa cabeza e o corazón" para que Galiza "deixe de ser a última carta da baralla"

A líder do BNG pide o voto para a súa formación no último día de campaña e xunto aos candidatos e candidatas polas catro circunscricións.
Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dirixiuse esta sexta feira aos galegos e galegas "desde o corazón" para apelar unha vez máis a "non votar por medo, nin ao mal menor", senón "con ilusión, ganas, pensando na Galiza e en canto nos estamos xogando nestas eleccións" e que, nun contexto no que non vai haber maiorías absolutas, os votos do Bloque "van ser determinantes" para que Galiza "se faga valer" ante o Estado. Pontón asegurou que "cada escano que gaña o BNG, é un escano que perde o PP de Feixoo" ou, dito doutra forma, é "un escano que gaña Galiza e que perde ese PP cada vez máis ultra e vai de ganchete da extrema dereita antigalega".

Os nacionalistas galegos esgrimiron ao longo desta campaña ambas as mensaxes, que o voto ao BNG "vale dobre" por "frear a dereita" e "defender Galiza", nunha carreira cara ás urnas apenas unhas semanas despois das municipais nas que a líder da formación estivo moi presente nas catro provincias e acudiu a bastións do BNG mais tamén aos municipios onde gañaron o poder recentemente, como Soutomaior ou Ribeira, alén de enarborar o simbolismo da capital galega, na que o Bloque logrou a Alcaldía tras ser a primeira forza na esquerda.

O BNG fía o "grupo galego forte" a repetir os resultados das eleccións anteriores, baixo o convencemento de que segue en "ascenso". Por iso, ao longo destas dúas semanas, Pontón tamén apelou a todas aquelas persoas que escolleron a papeleta do Bloque o pasado 28 de maio para que repitan a súa elección e, deste modo, alcanzar o Congreso cun "grupo galego forte", logrando deputado spor as catro provincias. De alcanzar este logro, sería histórico para o BNG ao que se lle resisten as provincias interiores nos comicios estatais.

Con iso, Pontón chamou a "facer que gañe Galiza votando BNG". Fronte ás mensaxes de voto útil das forzas estatais, Pontón acentuou o labor do deputado Néstor Rego. "Un só deputado do BNG é máis últil á Galiza que 22 ao servizo das forzas estatais, que votan o que lles mandan desde Madrid" e logo, cando fechan as urnas, "esquécense dos galegos". Así, a líder nacionalista incidiu en que "a única maneira de acabar coa discriminación que sofren os galegos do vello bipartidismo é o BNG". "Hai que darlle forza ao BNG, salientou, para "defender os intereses dos galegos, porque "poden ter a convicción de que non lles van a fallar".

"Cada escano que gaña o BNG, é un escano que gaña Galiza", reiterou, para afirmar, a continuación, de que está "ao alcance das mans ter deputados do BNG por todas e cada unha das circunscricións". "Se todas as persoas que confiaron no BNG, volven apostar pola papeleta do BNG, haberá grupo galego forte", dixo. Por iso, apelou a "votar coa cabeza e co corazón", porque "fan falta máis deputados do Bloque".

"Porque estamos convencidos de que temos ao alcance da nosa man conseguir ese grupo galego que faga historia para este país e, sobre todo, que nun momento decisivo no que se van a repartir fondos, definir infraestruturas do futuro e decisións que van marcar as próximas décadas, é importante que Galiza teña peso político", proclamou.

Pontón define o voto ao BNG como "orgullosamente galego, libre e de defensa do propio" que "non reclama privilexios", pero que quere que Galiza "deixe de ser a última carta da baralla". "Galiza xógase moito este 23 de xullo. Por iso pido concentrar na papeleta do BNG todo o voto do inconformismo, o da rebeldía e o das persoas que levan Galiza na o cabeza e no corazón", sentenciou.

Comentarios