O BNG propón ampliar o dereito de voto aos 16 anos e "blindar" por lei os debates electorais

A líder nacionalista quita ferro ás reticencias do PSOE a entrar no goberno de Sanmartín en Santiago e, no caso da Coruña, traslada o seu "apoio" á decisión que adopte a militancia, que fará "o mellor" para a cidade. De cara ás vindeiras eleccións estatais, asegura que as formacións nacionalistas xogarán un papel "chave" para evitar que Feixoo chegue á Moncloa. Aliás, avanza unha reforma da Lei electoral galega para ampliar a idade de voto aos 16 anos e fixar un mínimo de debates entre as principais forzas políticas durante a campaña electoral.
Ana Pontón, en rolda de prensa, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, en rolda de prensa, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou esta segunda feira unha reforma da lei electoral ao Parlamento da Galiza, que pasa por fixar como mínimo dous debates entre as principais forzas políticas durante a campaña electoral e baixar aos 16 anos o dereito a voto para elixir a composición da Cámara. En rolda de prensa esta segunda feira, Pontón manifestou que ambas as cuestións supoñen "profundar" no sistema democrático e contar cun modelo "máis participativo". "Trátase de reformar a calidade democrática do sistema político galego", remarcou a dirixente nacionalista, quen subliñou que se con 16 anos as mozas e mozos poden "traballar" ou tomar "decisións" do ámbito sanitario, tamén deben poder escoller os representantes públicos.

A portavoz nacional do BNG, que dixo que a formación nacionalista non lle ten "medo" á mocidade, asegurou que se hai "vontade" política esta reforma pode estar a tempo para as próximas eleccións galegas, mesmo se hai adianto electoral. De aprobarse, suporía abrir o voto a 46.000 persoas. Pontón presentou en rolda de prensa esta proposición de lei que agora se rexistrará na Cámara galega e que aborda estes dous puntos que, segundo as súas palabras, mesmo poderían ser aprobados por lectura única.

Para a dirixente nacionalista, trátase dunha reforma "chave para facer máis participativa a elección de representantes" e trátase de "reformar a calidade democrática do sistema político", fronte á "desafección" da cidadanía, para que senta "representada". Por iso, como primeiro eixo da reforma sitúase ampliar o dereito a voto aos 16 anos. "Se queremos que a mocidade se implique na política, que mellor maneira que sentan representados na vida pública", manifestou Pontón, segura de que significa tamén "loitar contra o abstencionismo".

Ademais, apoiou esta proposta en que hoxe en día "están a escribirse as decisións do mañá", o que argumenta a necesidade de "escoitar a súa voz e a súa opinión", nunha iniciativa que sería pioneira. De feito, remarcou que a mocidade está "a demostrar todas mobilizacións contra o cambio climático e eles serán os protagonistas".

O BNG tamén propón fixar dous debates, no mínimo, na campaña electoral. "É chave que haxa debates amplos", dixo, co fin de que as e os cidadáns poidan coñecer os programas e alternativas políticas. "O que propomos é que, no mínimo, haxa dous debates entre as principais forzas políticas, nos medios públicos e en horario de máxima audiencia", detallou Pontón, que concluíu que se trata de "mellorar a participación" na democracia e, no caso dos mozos, "non hai que ter medo" a que se expresen. "O BNG, ao contrario", manifestou a líder nacionalista, en referencia a que hai que "escoitar máis" a mocidade e "permitir que decida".

"Respectar os tempos" doutras formacións nas negociacións das cidades

Por outra parte, Ana Pontón reiterou esta segunda feira ante a prensa o seu "respecto" polos tempos das outras forzas políticas sobre as decisións de entrar nos diferentes gobernos municipais e, singularmente, no caso de Santiago de Compostela, onde o PSdeG segue a mostrarse remiso a traballar man a man co equipo que encabezará a nacionalista Goretti Sanmartín e no que os dous edís de Compostela Aberta están dispostos a participar.

Pontón subliñou que a cidadanía compostelá dixo nas urnas que había que abrir "un tempo novo" e que lle deu ao BNG "a responsabilidade de encabezalo". "Imos facer historia coa primeira alcaldesa da historia de Santiago, sobre todo, para todas as persoas que cremos na igualdade", salientou. A dirixente nacionalista incidiu tamén en que é "unha gran noticia" que vaia ser alcaldesa Goretti Sanmartín, quen vai traballar "desde o primeiro momento para facer fronte aos problemas que teñen os composteláns" liderando un goberno que "vai traballar con ilusión e a abrir un tempo novo".

No que atinxe á cidade da Coruña, na que a socialista foi a lista máis votada da esquerda, Pontón lembrou que o Bloque ten unha liña vermella: "Non vai facilitar gobernos do PP". A partir de aí, será unha decisión da asemblea local e do grupo a posibilidade de entrar ou non no goberno local, debido a que son eles os que están "a pilotar" o proceso. A decisión que se adopte terá todo o seu "apoio", porque está "convencida" de que "farán o mellor para A Coruña".

As forzas nacionalistas, "chave" após o 23-X

Preguntada polas eleccións estatais do vindeiro mes, Pontón cualificou de "soberbio" o feito de "repartir cargos" antes de que se produzan as votacións e advertiu ao presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, que "van ser as forzas nacionalistas as que sexan chave para que haxa un goberno que non encabece o PP" tras o 23 de xullo. "Entendo que Feixoo critique o nacionalismo, somos a chave para que el non chegue á Moncloa e imos deixar a pel para que, a partir do próximo 23-X, Galiza conte cunha representación forte, cun grupo galego forte que nos permita pór por diante os intereses dos galegos en Madrid", manifestou, á vista das intervencións do dirixente popular este domingo en Santiago.

Pontón asegurou que tamén a forza política saída das urnas servirá para frear "a demolición de dereitos e retrocesos que pretende construír a dereita". A líder do BNG cualificou de "sorprendentes" as declaracións de Feixoo sobre que haberá "sitio" para bastante xente. "A verdade é que me parecen unhas declaracións sorprendentes e moi propias da soberbia de Feixoo e do PP, repartir cargos antes de que a cidadanía vote nunhas eleccións", incidiu, para ironizar con "como concibe o poder: para beneficiar a amigos, non para servir á cidadanía".

Na mesma liña, subliñou que aínda hai que votar e a xente "ten que escoller aínda quen vai estar á fronte". Cualificouno de "falta de modestia, respecto" e mesmo "decoro" e mostrouse "convencida" de que "van ser as contas da leiteira".

Comentarios