O BNG urxe "cambios estruturais" na loita contra os incendios ante a "fracasada política forestal" do PP

Ana Pontón avanzou tamén que solicitará a convocatoria urxente da deputación permanente do Parlamento para que o presidente Alfonso Rueda "dea explicacións" pola morte dunha muller nun ambulatorio de Sanxenxo á que se lle negou a ambulancia.
Ana Pontón reuniuse nesta sexta feira con veciñanza e colectivos afectados polo incendio da serra da Barbanza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón reuniuse nesta sexta feira con veciñanza e colectivos afectados polo incendio da serra da Barbanza. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu nesta sexta feira un cambio de modelo na loita contra os fogos forestais, ante a vaga de incendios que afecta a Galiza este verán. Nunha visita a varias zonas queimadas polo incendio da serra da Barbanza, Pontón asegurou ver confirmado o "fracaso da política forestal do PP".

Esta nova vaga, dixo, "ten que significar un punto de inflexión e a Xunta ten a obriga de actuar". "O que non podemos é ver cada verán como arden os nosos montes, botarnos as mans á cabeza e logo facer como que non pasa nada", engadiu.

Por iso, reclamou "cambios estruturais", a posta en marcha dun plan de ordenación do monte e unha aposta "moito máis forte" na prevención, con "máis recursos" para executala. "É evidente que un monte ben xestionado, ordenado e limpo non arde igual que cando se abandona, convertido nun polvorín", precisou Pontón.

Ao mesmo tempo, a líder da oposición lembrou que o país conta só con 21% de superficie agraria útil —no Estado español a porcentaxe sobe até 50%—, e dentro desa superficie "só destinamos 4% a producir alimentos para consumo humano, mentres temos un 20% de superficie forestal, a maior parte ocupada por eucalipto e piñeiro".

O obxectivo do BNG, dixo, agradecendo tamén o traballo das brigadas, é "apostar nun servizo de loita e prevención de incendios que sexa 100% público, dependente da Xunta e que traballe todo o ano".

Axudas para paliar os danos

Nunha xornada na que se citou con veciñanza de Cures (Boiro), propietarios do cámping ría de Arousa 2 (Ribeira), e tamén coas comunidades de montes na Pobra do Caramiñal, a nacionalista urxiu a chegada de axudas para paliar os danos. Así mesmo, demandou medidas para evitar que a cinza poida chegar ao mar co efecto de arrastre de posíbeis choivas, o cal significaría "un dobre desastre".

Situación da sanidade pública

Noutra orde de asuntos, Pontón avanzou que o BNG solicitará a convocatoria urxente da deputación permanente do Parlamento galego para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "dea explicacións" polo caso da muller falecida en Sanxenxo logo da negativa a recibir os servizos dunha ambulancia, así como pola "deterioración xeral" da sanidade pública galega.

Comentarios